A Fundación Galicia Europa pon en marcha con motivo das eleccións ao
Parlamento Europeo do 26 de maio de 2019, o concurso “Galicia vota na
UE”. Esta iniciativa ten por finalidade animar á sociedade galega, e
principalmente á xuventude, a que participe nas eleccións europeas do
vindeiro 26 de maio. Nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo,
celebradas en 2014, o 73 % dos mozos españois de entre 18 a 24 anos non
acudiu a votar.
Así, baixo o lema #GaliciaVotaNaUE, a Fundación
Galicia Europa únese á iniciativa “Esta vez voto” posta en marcha polo
Parlamento Europeo (PE), que pretende loitar contra a abstención creando
unha comunidade de voluntarios dispostos a promover a importancia do
voto e da participación nos próximos comicios europeos.
Para
unirse ao concurso, cómpre ser maior de idade e compartir, a través de
Twitter, Facebook ou Instagram, unha mensaxe que explique a importancia
de participar nas eleccións ao Parlamento Europeo. As publicacións, que
poden ser escritas ou audiovisuais, deben ir acompañadas dos hashtags
#GaliciaVotanaUE e #EstaVezVoto. Ademais os participantes deberanse
rexistrar na web Esta Vez Voto do Parlamento Europeo e ser seguidores da
FGE a través da rede social na que se estea a participar.
O
concurso estará activo ata o 12 de abril e os gañadores daranse a
coñecer a través da web da FGE durante a segunda semana de maio.
Premiarase á persoa máis activa durante a duración do concurso, á persoa
que consiga que o seu contido se comparta un maior número de veces e á
persoa que comparta un contido máis orixinal e elaborado. O valor de
cada premio poderá consultarse na páxina web da Fundación Galicia
Europa.
Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia
Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico
creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o
achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades
públicas e privadas galegas, esta fundación está vinculada
funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da
Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e
Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago
de Compostela e outra en Bruxelas. Este concurso enmárcase dentro dos obxectivos fundacionais da FGE e
achegar a realidade europea á sociedade galega e de sensibilizar sobre
Europa en Galicia.