A portavoz nacional
do BNG, Ana Pontón remitiu hoxe unha carta a Pedro Sánchez emprazándoo a
interpoñer, antes da convocatoria de eleccións e disolución das Cortes, a
demanda xudicial para reclamar o Pazo de
Meirás. É necesario poñer “punto final” aos privilexios da Familia Franco e do
franquismo e parécenos “unha prioridade” que as estatuas do Pórtico da Gloria, a Casa de Cornide e o Pazo de Meirás retornen
ao patrimonio público galego.
A
líder do BNG criticou que a Familia Franco continúe, despois de 44 anos,
ostentando un patrimonio usurpado a todos os galegos e galegas, esta circunstancia,
dixo, representa un símbolo da
continuidade de estruturas de poder da ditadura, unha ofensa á memoria das vítimas do franquismo e a debilidade
democrática do Réxime do 78 que explica
que despois de 40 anos da morte do ditador continúe a persecución de persoas
por expresarse libremente. Neste sentido, lembrou que “9 persoas serán xulgadas
por reclamar a devolución do Pazo de
Meirás, “19 persoas para as que a Familia Franco pide penas que superaran
os 300 anos”.
Punto final ao espolio da familia Franco
Resulta
“esperpéntico” que a estas alturas, os
bens espoliados non entraran a formar parte do patrimonio público galego ao remate da ditadura como aconteceu noutras
partes de Europa. O camiño da democracia e a restitución da memoria das vítimas
pasa polo “punto final” do espolio da Familia Franco, reiterou.
Pontón
explicou que a Familia Franco utilizou o Pazo de Meirás como lugar de veraneo e
para posados de revistas do corazón e nos últimos tempos converteuno nun centro de “apoloxía do Franquismo”. Tras tildar de “ocupas” aos membros da Familia
Franco, por ocupar un espazo produto dun espolio, Pontón reiterou que existen
dous estudos baixo a dirección de Manuel Lourenzo e Carlos Babio, claves para
informes posteriores. Contamos, con dous informes, un encargado pola
vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e outro a cargo da
propia Xunta de Galiza, así como acordos
unánimes en diferentes institucións galegas na mes dirección. Pontón
recalcou que o BNG sempre se mostrou favorable a exhumación dos restos de
Franco pero tamén “a exhumación do franquismo” presente en moitos vestixios
como o Pazo de Meirás.
28 de abril, oportunidade para que Galicia conte con voz propia
A
preguntas dos xornalistas sobre a cita electoral do 28 de abril, a líder do BNG
remarcou que é “unha oportunidade” para acabar coa “irrelevancia política” á
que nos conduciron as forzas estatais. O BNG,
esfórzase por facer ben o traballo, e preséntase ás elección para que
Galiza teña peso político no estado. Sabemos que imos a “un escenario sen
maiorías absolutas”, e estou convencida que nestas eleccións imos ser capaces
de recuperar esa voz propia que sempre garantiu o BNG e que sempre puxo por
diante a defensa dos intereses de Galiza, dos intereses sociais e das liberdade públicas. O BNG é unha “forza
que traballa con rigor e seriedade e unha voz sen ataduras”, e estou convencida
de que moitos galegos e galegas botaron de menos esa voz firme no Congreso
nesta lexislatura, concluíu. Departamento de comunicación