Ás portas da
celebración do 8M, o BNG levará ao pleno unha batería de medidas en defensa da
igualdade e dos dereitos da muller e para plantar cara ao discurso neomachista “da
dereita españolista” na que, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, “milita
o presidente da Xunta”.
“Hai que desenmascarar un discurso que
fai negacionismo da violencia machista, que nega o dereito das mulleres a
decidir sobre o seu corpo e pretende reducirnos o rol de incubadoras como na
famosa distopía do Conto da criada”,
salientou a dirixente do Bloque, apoiándose nas declaracións dos máximos responsables
do PP para avalar a súa denuncia.
“Pablo Casado e a ocorrencia de que as
mulleres temos a obriga de garantirlle a súa pensión de xubilación levantando a
taxa de natalidade para que haxa cotizantes á seguridade social, ou Feixóo
proclamando que a solución á crise demográfica é buscar inmigrantes fértiles
despois de ter expulsado a milleiros de mozas á emigración”, denunciou. “Pretenden
reducirnos a un rol tradicional e desfasado que non representa as galegas do
século XXI”, recalcou.
Por iso, no próximo pleno o Bloque
defenderá unha proposición non de lei para pedir o respaldo da Cámara á folga
feminista do 8M, sumándose ás reivindicacións das galegas de medidas reais fronte a desigualdade, a
brecha salarial ou a loita contra a precariedade e a pobreza, que afectan en
maior medida ás mulleres.
Ao mesmo tempo, será obxecto da pregunta de
control ao presidente da Xunta, a quen Pontón convidará a pronunciarse sobre si
vai respectar o dereito das mulleres a saír á rúa ou vai repetir o boicot á
folga feminista do ano pasado, como deixaron claro até tres sentenzas
condenatorias por vulnerar o dereito á folga das traballadoras da
Administración”. Engadiu tamén o recorte de orzamentos en igualdade, que
pasaron de 30 M€ cando gobernaba o BNG aos 7 M€ do actual Executivo.
No marco das mobilizacións feministas que,
asegurou, volverán ser masivas, o Bloque completa as súas propostas do próximo
pleno cunha denuncia “a mercantilización” do corpo da muller rexeitando a
legalización dos ventres e alugueiro, “unha forma máis de explotación”, ademais
de reclamar medidas que garanten o dereito á interrupción voluntaria do
embarazo na sanidade pública, “porque hoxe a inmensa maioría fanse na sanidade privada”.
A defensa da sanidade pública volverá ao
pleno cunha moción nacionalista en catro puntos. Cese do conselleiro de
Sanidade como recoñecemento dos erros e a vontade de iniciar unha nova etapa,
plan de mellora da atención primaria con 200 M€, convocatoria extraordinaria para
médicos de familia cun mínimo de 420 novas prazas e un novo contrato que acabe
coa precariedade laboral dos e das facultativas.
Edulcoar a estafa das peaxes
A portavoz nacional ironizou sobre a última
ocorrencia electoralista do PP en relación coa estafa das peaxes da AP9, tras
dez anos sendo cómplice da suba continuada das tarifas poñendo os intereses da
concesionaria por riba de Galiza, unha estratexia que arrancou coa decisión de
Aznar de privatizar esta infraestrutura estratéxica.
“Propoñen agora o que levan vetando neste
Parlamento durante anos, votando en contra de todas as propostas do Bloque para
acabar coa estafa das peaxes”, salientou Pontón, “ao que antes se opoñía o PP, - que AUDASA
asuma o custe da ampliación de Rande-, agora se opón o PSOE, e o grave é que
mentres PP e PSOE seguen utilizando Galiza como pim-pam-pum, os galegos
e as galegas seguiremos pagando unhas tarifas que son unha estafa”.
“Esa estafa ten como primeiro responsable a
privatización de Aznar, que continuaron os gobernos do PSOE e despois do PP. A
alternativa pasa por ter capacidade de xestión sobre unha AP9 rescatada, como
se fixo coas radiais madrileñas. Teñen unha responsabilidade compartida, menos
tomaduras de pelo, menos biscoitada e máis asumir de verdade acabar con esta
estafa”, concluíu. Departamento de comunicación