Un total de 13.504 persoas foron
admitidas para participar nas novas oposicións de acceso libre
convocadas pola Xunta de Galicia para cubrir 121 postos de traballo da
Administración Autonómica. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica
hoxe as resolucións polas que se dan a coñecer as listaxes definitivas
de persoas aspirantes admitidas e excluídas en tres procesos selectivos.
En
marzo de 2018, a Xunta de Galicia convocou -na maior convocatoria
simultánea de oposicións dos últimos anos- un total de 121 prazas de
acceso libre para os subgrupos A1, A2 e C2 da Administración Xeral da
comunidade Autónoma de Galicia. A estes procesos pode presentarse
calquera persoa que queira entrar a traballar na Xunta e cumpra os
requisitos establecidos en cada convocatoria, e dispoña da titulación
esixida.
O maior número de persoas admitidas concéntrase na
oposición para o corpo auxiliar da Administración C2 para o que a Xunta
convocou 53 prazas, con 10.317 aspirantes admitidos. No corpo de xestión
A2 convocáronse 30 prazas e admitíronse 2.010 persoas; e finalmente
para o corpo superior A1 foron convocadas 38 prazas con 1.177 admitidos.
As relacións definitivas de persoas admitidas e excluídas, poderanse consultar do DOG e no portal corporativo.
No caso da listaxe de persoas excluídas, con indicación a causa
determinante da súa exclusión, figurará como anexo das resolucións que
se publicarán no DOG.
Novas convocatorias de oposicións
A
Xunta de Galicia realizará de xeito inminente a convocatoria de 15 novas
oposicións sen precedentes nas últimas décadas para cubrir un total de
847 prazas de emprego público na Administración galega.A
totalidade destes procesos selectivos serán de acceso libre -coa reserva
obrigatoria de prazas para a promoción interna que establece a lei-,
polo que se poderá presentar calquera persoa que cumpra os requisitos, e
o sistema de cobertura será o de concurso-oposición.