Esquerda Unida ten
denunciado durante estes anos que a Cidade da Cultura é un buraco negro que
devora tanto os investimentos como a acción política en materia cultural de
Galicia. Agora, sabemos que o Goberno Galego ten previsto gastar outros 27
millóns en obras no Gaiás ata o ano 2021, un feito claramente vergoñento.
Abrir as portas do mausoleo
fraguián cada día representa para a cidadanía galega un custo en mantemento de
máis de 9.500 euros, case 4 millóns de euros ao ano. A iso temos que engadirlle
o roubo que supuxo a súa construción que, duns iniciais 108,2 millóns de euros,
pasou a significar case uns abraiantes e dorosos 500 millóns. E, como
corolario, o funcionamento do chiringuito Fundación Cidade da Cultura que
xestionará, en só tres anos (2019-2021), segundo o documento dos Orzamentos
2019, máis de 47 millóns, entre eles os 27 millóns previstos en
investimentos. Un auténtico despropósito.
En definitiva, os 27
millóns en investimentos, así como toda a conta da que dispón a Fundación
Cidade da Cultura, redundan no roubo, no desbaldimento de recursos que deberan
redistribuírse e confirman que a CdC seguirá sendo unha lousa que sepultará as
posibilidades do noso ecosistema cultural. Por iso, Eva Solla, coordinadora
nacional de Esquerda Unida esixe que “o Goberno Galego mude de política
cultural e que non invista nin un céntimo máis na Cidade da Cultura e que
disolva a súa Fundación”.
Dende Esquerda Unida
insistimos na necesidade de deixar de desbaldir cartos en obras para a Cidade
da Cultura e na urxencia de que o Goberno reoriente os investimentos en
actividades que representen nun maior beneficio social para a cidadanía, xa que
“a cultura ten que servir para socializar e ser redistribuída por todo o
territorio, algo que, dende a existencia do mausoleo fraguián é máis ben o
contrario: só temos un centralismo cultural baseado no espectáculo e que non
chega á cidadanía”, apunta Solla.
O enxendro de pedra,
deseñado por Peter Eisenman, foi dende o seu comezo un impedimento para que
Galicia puidese desenvolver un sistema cultural propio, que exerza de factor de
cohesión social, polo que seguimos a precisar unha serie de liñas de actuacións
e medidas que non afonden no desbaldimento de millóns nalgo que atenta contra
do dereito do acceso á cultura da cidadanía galega.
Dende Esquerda Unida
entendemos a cultura non como un ben de consumo, senón como un ben común e
ferramenta de transformación social, polo que son precisas iniciativas como a
Lei para a Adquisición e Goce da Cultura, máis coñecida como o Bono Cultural;
iniciativas para o fomento da lectura e difusión de obras en galego; para que
non se pechen museos coma o MARCO, para que o noso patrimonio cultural non se
vexa sometido aos intereses espúreos do capitalismo. Reclamamos unha política
cultural que garanta o dereito de acceso á mesma da cidadanía, que sexa
considerada coma un servizo público fronte ás políticas centralistas e mercantilistas
do Goberno do PP.Departamento de comunicación