Galicia vén de ser seleccionada pola Dirección Xeral de Mercado
Interior, Industria, Emprendemento e Pemes (DG Grow) da Comisión Europea
(CE) como socia do proxecto das Rexións de Economía Social Europea
(ESER 2019) que ten como obxectivo tecer redes efectivas da economía e
innovación social a nivel rexional e local. Do que se trata é de
sensibilizar sobre este sector e construír unha economía social en toda
Europa baseada no coñecemento.
O proxecto ESER dará a oportunidade
á Comunidade galega de reunir ás partes implicadas neste eido a nivel
rexional e local, debater ideas sobre os retos sociais existentes e, ao
mesmo tempo, coñecer as iniciativas, proxectos e programas de apoio da
UE e intercambiar puntos de vista cun experto da propia Comisión
Europea. Así, será unha oportunidade para elevar a voz de Galicia a
nivel europeo.
A Xunta, a través da Consellería de Economía,
Emprego e Industria, destacou no proxecto que presentou para participar
nesta actuación a Estratexia galega de economía social 2021, que ten
como obxectivo incrementar nun 10% as entidades de economía social,
chegando ás 3.300; aumentar nun 20% os empregos, ata os 17.500; e
potenciar a presenza feminina nestas entidades. Así mesmo, puxo en valor
o traballo da Rede Eusumo, unha iniciativa que creou o Goberno galego
en 2012 para impulsar o cooperativismo e a economía social promovendo o
seu desenvolvemento no eido local. Conta a día de hoxe con 206 entidades
adheridas entre as que destacan 149 concellos. A través do asesoramento
que presta esta rede creáronse xa en Galicia 142 entidades de economía
social que xeraron preto de 530 empregos directos.
O primeiro plan
piloto de ESER, que se levou a cabo en 2018, acadou atraer a 32 rexións
e cidades europeas de 14 estados membros da UE. A segunda edición
participarán xunto a Galicia máis de 50 rexións de 16 países. Na
primeira convocatoria constatouse que os participantes crearon
conciencia sobre a economía social a nivel local axudándolles a crear
novas conexións entre as partes interesadas a nivel europeo. Ao final do
programa piloto, as autoridades que participaron e as partes
interesadas solicitaron unha continuación do proxecto.
Un dos
requisitos para ser socio desta iniciativa é celebrar un evento a nivel
local e/o rexional en colaboración cos outros actores da economía
social. Galicia propón facelo no primeiro semestre deste ano. Os
resultados dos eventos rexionais e locais presentaranse na conferencia
da Semana Europea das Rexións e as Cidades de 2019 en Bruxelas.