A conselleira de Política Social, Fabiola García, avanzou hoxe
que 19.000 persoas se beneficiarán dun aumento na súa prestación de
dependencia a partir da nómina correspondente ao mes de abril, para o
que a Xunta investirá 10 millóns de euros. Fíxoo durante a comparecencia
ante o Pleno do Parlamento na que deu a coñecer as liñas xerais de
actuación do seu departamento para o que resta de lexislatura, e que
teñen por obxecto que as galegas e galegos “teñan as mesmas
oportunidades para trazar con liberdade o seu propio proxecto de vida”.
En
concreto, precisou que o aumento das contías será dun 10% para aquelas
persoas que teñen a súa autonomía limitada e que son coidadas na casa
por un familiar, dun 15% na axuda para contratar a un asistente persoal e
no caso das achegas para pagar unha praza de residencia estas subirán
un 20% para as dependencias de grao I e III, e un 75% para as
dependencias de grao II.
Fabiola García enmarcou esta medida na
aposta da Xunta por “garantir que todas as galegas e galegos teñan
dereito a escoller libremente como facerse maiores”. Nesta liña,
subliñou o reforzo de prestacións como o Servizo de Axuda no Fogar, que
se multiplicou por dez a súa extensión desde 2009 e hoxe son preto de
23.500 as persoas beneficiarias; do programa Xantar na Casa, que leva o
menú diario a máis de 1300 maiores; a posta en marcha das primeiras 30
Casas do Maior, que serán o dobre cando remate a lexislatura; ou a
implantación do cohousing como alternativa residencial para persoas con
dependencia moderada.
Así mesmo, apuntou como novidade que a
partir das vindeiras semanas o proxecto RedMay achegará servizos de
oftalmoloxía e podoloxía, apoio persoal e atención ao Alzhéimer a 20
municipios pequenos da comunidade.
Maiores e dependencia: 60.000 dependentes atendidos
Tamén
destacou que en soamente dous anos conseguiuse o obxectivo de
lexislatura de chegar aos 60.000 dependentes atendidos, catro veces máis
que hai unha década; que hoxe Galicia dispón de máis de 7900 prazas
públicas de residencia, un 42% máis que en 2009; e máis de 3.300 en
centros de día, o triplo que hai dez anos.
Lembrou que no actual mandato puxéronse en funcionamento varios
equipamentos públicos: os centros de día de Curtis, Pobra do Caramiñal,
Maceda e Cambados; e os centros de día e residencia de Arteixo,
Vilardevós, Paradela e Cesantes, en Redondela. Ademais, engadiu que ao
longo dos vindeiros meses a oferta pública de atención aos maiores
volverá aumentar con 214 prazas novas, coa entrada en servizo dos
centros de día de Cuntis, Miño e o do edificio interxeracional de
Ourense (que abrirá as súas portas este 1 de marzo), así como das
residencias de Baleira e Foz.
En canto a melloras nos servizos de
atención á discapacidade, a conselleira fixo fincapé no feito de que en
dez anos incrementáronse un 25% as prazas públicas ata acadar na
actualidade as 5.400. Recordou tamén que en 2018 se reforzaron os
equipos de valoración, o que permitiu reducir un 30% a lista de espera e
resolver máis de 30.000 expedientes. Ao respecto, anunciou que nos
vindeiros meses seguirá simplificándose e axilizándose o proceso que
teñen que seguir as persoas con dependencia ou discapacidade.
Familia e demografía: máis facilidades para ser nai ou pai
En
materia poboacional, Fabiola García avanzou unha das medidas incluídas
na Lei de impulso demográfico de Galicia, que comezará a súa tramitación
ao longo das vindeiras semanas: o establecemento dunha renda familiar
estandarizada, coa que se determinará dun xeito homoxéneo o nivel
económico da renda da unidade familiar. Deste xeito, darase un trato
máis equitativo aos diferentes tipos e situacións familiares no acceso
ás axudas ou servizos da Administración autonómica.
Nesta liña,
destacou o incremento das prestacións económicas e dos recursos de
conciliación nos últimos anos na procura de darlle ás familias que
deciden ter un fillo todo o apoio que necesitan. De feito, hoxe Galicia
multiplica por dous tanto o número de prazas públicas en escolas
infantís como a taxa de cobertura en comparación con 2009, ata chegar ás
24.000 e a un alcance do 42%, nove puntos por riba da recomendación da
Unión Europea. Ademais, abríronse 61 Casas Niño nos concellos pequenos
de ámbito rural, no que levamos de ano xa se outorgaron 400 Bonos
Coidado e na actualidade son máis de 40.000 as nenas e nenos galegos que
recibiron a Tarxeta Benvida.
“Nunca antes na historia da nosa comunidade houbo tantas facilidades
coma hoxe para as persoas que deciden ser nais ou pais”, aseverou a
conselleira, que tendeu a man para que a futura Lei de impulso
demográfico conte co respaldo unánime da Cámara como mostra de que neste
asunto cómpre que “rememos todos xuntos para conseguir que Galicia sexa
o mellor lugar para nacer”.
Nesta liña, a conselleira indicou que
a Xunta seguirá a completar a rede de conciliación mediante a apertura
de máis Casas Niño, para acadar as 76 en 2020, e coas novas escolas
infantís de Vilagarcía, Redondela-Chapela, As Neves e Paderne de
Allariz, así como coa ampliacións das de Cedeira e Arzúa. En total, 320
prazas públicas novas a disposición das familias destes concellos antes
de que remate a lexislatura.
Tamén avanzou cambios no Bono
Coidado, coa súa ampliación este ano para pagar servizos de ludoteca, e
con futuras melloras para que os fogares galegos conten cun auténtico
servizo de axuda no fogar orientado á infancia.
Inclusión social: Actualización da Axenda Social Única
No
que atinxe á loita contra a desigualdade, salientou o decreto que
desenvolve a Lei de inclusión social, que supón aumentar ata os 550
euros a contía media da Risga, que esta prestación funcione como
verdadeira ponte ao mercado laboral e que se garanta o dereito á
vivenda. Tamén subliñou o feito de que desde 2009 se incrementou nun 67%
o orzamento destinado a políticas activas de inclusión e que o número
de familias moi necesitadas reduciuse no último ano nun 40%, ao pasar
dun 4,1% ao actual 2,4%.
Para que a incidencia da pobreza siga
retrocedendo, Fabiola García manifestou que o Goberno galego seguirá a
traballar coas entidades sociais e os concellos para actualizar este ano
os obxectivos da Axenda Social Única, que rexistra un grao de
cumprimento do 96%. Ademais, anunciou que nas vindeiras semanas
presentará o Plan de atención ás persoas sen fogar e a implantación dun
certificado que recoñecerá a aquelas empresas que traballan pola
inclusión social de persoas en risco de pobreza.
Plan estratéxico e novos programas de acción voluntaria
Na
área de Xuventude, sinalou que o novo Plan estratéxico para o período
2019-2021 estará listo no primeiro semestre deste ano e que terá como
obxectivo satisfacer as necesidades da mocidade e aproveitar o seu
potencial e ideas para enriquecer o tecido económico e cultural da
comunidade.
Neste sentido, apuntou que un dos eixes deste plan
será o fomento do emprendemento, en especial no rural, de tal xeito que a
xente nova aproveite as oportunidades que ten o agro galego para o
desenvolvemento persoal e que esta achegue os seus coñecementos e
formación para facer medrar este sector.
Ademais,
salientou que a mocidade terá unha participación activa na preparación
do Xacobeo 2021 para convertelo no mellor Ano Santo da Historia. “E
necesario que a mocidade achegue as súas ideas, o seu impulso e os seus
valores para que Galicia volva ofrecer un Ano Santo que sorprenda ao
mundo enteiro”, dixo.
Tamén apuntou que se continuará coa aposta
polo voluntariado, xa que Galicia é a comunidade máis solidaria de
España con máis de 8000 voluntarios activos e a única que acredita a
acción destas persoas cun certificado homologado e con validez en toda
Europa. A conselleira garantiu que nesta lexislatura se seguirán a poñer
en marcha programas de voluntariado encamiñados a dar resposta ás
grandes necesidades que ten Galicia.