O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,
lamentou hoxe as declaracións do presidente da Xunta nas que anticipaba
un rexeitamento ás decisións do goberno de España aínda antes de
atoparse en funcións, e instou a Feijóo a exercer o seu cargo de xeito
“leal” pese a que “se poña colorado ao recordar a súa supeditación a
Rajoy”.
Neste senso, o líder dos socialistas galegos reprochou a Feijóo o seu
“cinismo político”, posto que “calou cando Rajoy deixou sen executar
máis de 2.000 millóns de euros orzamentados para Galicia” e tamén cando
Rajoy, el si estando en funcións, autorizou unha prórroga da concesión
de Ence na ría de Pontevedra por 60 anos.
Tamén se amosou “atónito” Gonzalo Caballero polo “atrevemento” de
Feijóo ao propoñer que se regule o que un executivo pode aprobar estando
en funcións, máxime cando el foi conselleiro dun goberno presidido por
Manuel Fraga que autorizou a construción de varios edificios da Cidade
da Cultura despois de perder as eleccións autonómicas en 2005.
Por último, o secretario xeral do PSdeG ironizou con que “a aposta de
futuro” de Feijóo que o ten levado hoxe a Madrid sexa da man de dous
presidentes autonómicos, o de Asturias e o de Castela e León, que xa
teñen anunciado que non volverán a presentarse ás eleccións. Departamento de comunicación