O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda
de prensa do Consello, que a oferta de emprego público para este ano
ascenderá a 5.833 prazas nos eidos da sanidade, a educación, os servizos
sociais e a administración xeral. “A oferta máis alta desde o ano
2008”, aseverou, cun incremento de 97 prazas con respecto á oferta de
emprego público do ano pasado.
Logo de precisar que nesta oferta
esgotouse ao máximo a taxa de reposición de efectivos do 100% que
establece a normativa estatal, Feijóo precisou que Galicia contará,
ademais, con 213 prazas extra, xa que, segundo lembrou, as comunidades
máis solventes teñen a posibilidade de ofertar un 8% adicional, como é o
caso de Galicia. Ao respecto, precisou que esas 213 prazas destinaranse
integramente á sanidade pública, incluídas as partes correspondentes á
administración xeral, e á educación.
Baixo o obxectivo de aprobar
neste trimestre os decretos de ofertas de emprego público, o responsable
do Executivo galego adiantou que o sistema sanitario público de Galicia
contará cun total de 1.323 prazas: 1.314 para a cobertura do sistema
sanitario; e 9 prazas das escalas de funcionarios de carreira da escala
de saúde pública e administración sanitaria.
Con esta nova oferta,
serán case 9.000 os profesionais que se incorporarán ás institucións
sanitarias do Sistema Público, con vínculo de fixeza, desde 2009. Non en
van, esta oferta dará resposta ás necesidades asistenciais e
organizativas prioritarias, con especial atención aos ámbitos
asistenciais con maior demanda de efectivos, como medicina de familia e
pediatría.
Deste xeito, do total de prazas: 332 serán para persoal
licenciado sanitario, das que 200 corresponden a médicos de familia,
unha oferta récord; e 35 de pediatras de atención primaria.
Cómpre
salientar que, acumulando as ofertas do 2018 e 2019, o número de prazas
convocadas será de 254 prazas para médicos de familia e 93 para
pediatras de atención primaria. O presidente da Xunta destacou que 2 de cada 3 prazas de médicos
serán para a atención primaria, que sinalou como “a prioridade número un
da OPE”. Para diplomados sanitarios e FP a oferta será de 567
prazas, e a oferta completarase cun total de 415 prazas de persoal de
xestión e servizos.
O sistema selectivo será o de
concurso-oposición e respectará os principios de libre concorrencia,
igualdade, mérito e capacidade. Así, do total de prazas, 93 reservaranse
para persoas con discapacidade nun grao igual ou superior ao 33%, das
cales, 27 reservaranse para discapacidade intelectual.
En
relación á Administración xeral, Feijóo subliñou que neste eido a Xunta
prevé ofertar un total de 2.446 prazas, das que: 1.388 serán a través de
procesos selectivos de acceso libre; e outras 1.058 prazas para
promoción interna do persoal funcionario (220) e para a funcionarización
do persoal laboral fixo (838).
Máis polo miúdo, explicou que a
maior parte das prazas de acceso libre terán como obxectivo reforzar os
servizos sociais que presta a Administración autonómica. E o sistema
selectivo será o de concurso oposición, tamén, neste caso.
Con
respecto á cota para persoas con discapacidade, o titular da Xunta
aseverou que na oferta de acceso libre reservarase unha porcentaxe non
inferior ao 7% das prazas.
Por último, e sobre as prazas da
Educación Pública, Feijóo lembrou que a oferta xa publicada no Diario
Oficial de Galicia inclúe 2.064 prazas en 36 especialidades, baixo a
previsión de realizar as probas unha vez remate o curso escolar.
“Entre
o ano 2015 e o 2019 as ofertas públicas de emprego da Xunta de Galicia
están cerca das 19.000 prazas, ese é o compromiso que tiñamos cos
empregados públicos, que en canto puidésemos incrementar as
posibilidades de sacar ofertas públicas de emprego o fariamos”, afirmou,
destacando que se tomou a decisión de que “ese plus de responsabilidade
que supón cumprir a regra de gasto, o déficit e a débeda, e chegar ao
108% na oferta pública de emprego, todo ese 8% o poñeríamos en Sanidade,
e máis concretamente, nas políticas de atención primaria”.