O turismo rural, despois de rematar o ano
2018 acadando o seu máximo histórico, volveu a crecer en Galicia
durante o primeiro mes do ano. Así, segundo os datos difundidos hoxe
polo Instituto Nacional de Estatística (INE), decantáronse por este tipo
de establecementos 4.610 viaxeiros. Esta cifra supón un incremento do
1,5% en relación co mes de xaneiro do pasado ano.
O turismo rural
tamén lidera o crecemento no número de noites. Con respecto ao mesmo mes
do anterior ano, a cifra incrementouse un 10,8% como consecuencia da
subida da estadía media. Ao marxe do turismo rural, este comportamento é
positivo en toda a demanda regrada en Galicia, onde o volume de noites
subiu nun 1,6%, mentres que no conxunto do Estado esta cifra descendeu
un 0,8%.
Este é o quinto ano consecutivo no que se observa un
incremento da demanda turística en Galicia durante o primeiro mes do
ano, confirmando o bo comportamento da demanda en temporada baixa grazas
á estratexia de desestacionalización. Esta dinámica coloca o volume
final por riba das 326.000 noites, o que supón a cifra máis elevada dos
últimos dez anos. Ademais, tamén é o cuarto ano consecutivo no que sobe o
turismo nacional na nosa Comunidade no mes de xaneiro, acadando en 2019
a contía máis alta da última década. O turismo internacional,
pola súa banda, presenta tamén un comportamento positivo con incrementos
paralelos tanto da cifra de viaxeiros aloxados como do volume de
pernoitas. Son, neste caso, cinco anos consecutivos de crecemento.
Turismo urbano
As
cidades galegas nas que máis aumentou o turismo ao longo deste mes de
xaneiro foi A Coruña, seguida de Santiago de Compostela e Vigo. No caso
de A Coruña o número de viaxeiros nos establecementos hoteleiros sitúase
en 28.153, o que supón unha evolución do 16,4% en relación ao primeiro
mes do ano 2018. A capital galega foi visitada en xaneiro por 25.761
persoas, cun crecemento foi do 5,9%. O número de turistas que recibiu a
cidade de Vigo foi de 25.087 persoas, un 3,8% máis que no mes de xaneiro
do pasado ano.