O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe, logo de
que o Consello coñecese o informe sobre a actividade e xestión anual de
Sogama, que 2018 foi “o mellor ano do complexo desde que se fundou en
todos os parámetros”. No pasado ano, Sogama “liquidou débedas pendentes,
alcanzou cifras récord de transporte de residuos por ferrocarril,
rebaixou o canon aos concellos, tivo un bo balance industrial e
completou a primeira fase da súa ampliación”, destacou Feijóo.
Unha
das medidas máis importantes do pasado exercicio foi a aprobación dunha
redución do 10% no canon que se lles cobra aos concellos e que se lles
vai trasladar inmediatamente aos cidadáns xa que para acollerse a esta
rebaixa os municipios deben repercutila no recibo dos usuarios do
servizo. Este cambio normativo “beneficiará a case 2 millóns de galegos e
o aforro total ascenderá a máis de 4,7 millóns de euros”, precisou
Feijóo.
Neste momento, o número de concellos que solicitaron esta
rebaixa é un total de 229, isto é, un 77% dos adheridos ao modelo
Sogama. Este desconto puido realizarse grazas á boa xestión
económica de Sogama. O informe anual tamén subliña a cancelación tanto
da débeda financeira da entidade, que ascendía a 125 millóns, como a
subordinada cos accionistas, que era de 25,72 millóns Ademais, a evolución
da débeda dos concellos caeu a mínimos históricos ao situarse en 4,5 millóns,
un 80% menos que en 2013.
Investimentos e balance industrial
En
canto aos investimentos, o informe cífraos en 47M€, incluíndo os 29 M€
para a ampliación do complexo medioambiental e os 2,5 M€ da nova planta
de compostaxe industrial construída nos terreos do vertedoiro de Areosa.
O presidente da Xunta destacou que 2018 foi o ano de inicio das obras
de ampliación das instalacións de Sogama e que en xaneiro de 2019
comezou a segunda fase do proxecto. Unha vez finalizado o proceso de
ampliación, previsto para mediados deste ano, a planta incrementará a
súa capacidade de tratamento un 81%, pasando das actuais 550.000
toneladas a 1 millón de toneladas.
Feijóo insistiu en que “todos os
concellos caben en Sogama e todos os concellos teñen un servizo público á
súa disposición para repercutir nos cidadáns”. Feijóo sinalou que estas melloras reflectíronse no balance
industrial. Así, o pasado ano xestionou 603.132 toneladas de residuos de
bolsa negra, un 4,06% máis que o ano anterior. Coa entrada en servizo
da planta de recuperación no último trimestre do ano, Sogama está en
disposición de separar e recuperar ata 11 tipoloxías de materiais de
todos os que contén a bolsa negra. No que atinxe á bolsa amarela, o
incremento das achegas foi do 11,12%.
O presidente da Xunta
aseverou que a intención de Sogama é seguir nesta mesma liña de redución
progresiva. O balance destaca que se en 2017 a taxa de vertedura en
Sogama situábase no 27,19%, o ano pasado baixou a preto do 26%, unha
porcentaxe claramente inferior á media española, o 57%. O obxectivo é
reducila ata o 10%, considerada como vertedura técnica 0, co que “se
adiantaría 15 anos ás directrices comunitarias”, destacou.
En
canto ao transporte de residuos por ferrocarril, o 58,5% dos refugallos
que chegaron a Cerceda fixérono por tren, cando en 2016 a porcentaxe se
situaba nun 25%. Feijóo lembrou que hoxe Sogama “está dando
servizo ao 81% da poboación, a 295 concellos, a 2,2 millóns de galegos e
xestiona 839.077 toneladas de residuos ao ano”.