O BNG
presentou a súa campaña do 8M que este ano está centrada na denuncia da
involución neomachista da man da dereita e na crítica á hipocrisía do
politicamente correcto.
A mensaxe está condensada nun vídeo dun
minuto que utiliza declaracións de Feixóo, Casado e Rivera para “desenmascarar aos
machos-alfa da dereita” que poñen en dúbida a violencia machista, cuestionan o
dereito a decidir sobre a maternidade ou queren legalizar novas formas de
explotación como os ventres de aluguer. Exemplos de involución nos dereitos das
mulleres pero que non lles impide colocarse un lazo lila o 8M. De aí a etiqueta
da campaña, #OSeuLazoSeñorPresidente (ver video),
que condensa a posición dos políticos que reducen a mero ritual á loita pola
igualdade.
“A campaña quere desenmascar aos
machos-alfa da dereita que traen un discurso neomachista rancio e carca que
pretende perpetuar a discriminación e a desigualdade das mulleres, e tamén
quere romper co politicamente correcto cunha crítica á hipocrisía política
porque o 8M non se reduce a poñer un lazo lila na solapa senón que debe ser
punto de partida para facer cambios estruturais que permitan avanzar en
igualdade”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, na presentación.
Pontón declarou a súa preocupación
pola onda involucionista da dereita, pero tamén denunciou que en Galiza Feixóo
leva unha década marcando o camiño que agora fai saltar as alarmas no resto do
Estado.
“Recortou axudas ás vítimas de
violencia machista, cargouse programas de acompañamento, reduciu até un 75% os
recursos para a conciliación, recuperou os concertos que segregan por sexo,
desviou fondos de igualdade para unha rede nai antiabortista e leva dez anos incumprindo
as leis de igualdade”, sintetizou, “todo iso con graves consecuencias para as
mulleres”. A líder do Bloque tamén instou a non
renderse nin a tolerar ni un paso atrás na igualdade e nos dereitos das
mulleres, respondendo na rúa e nas urnas.
“É tempo de feminismo e temos dúas
vías para responder ao neomachismo: nas rúas e nas urnas. Primeiro coa
participación masiva na manifestación do 3M e na folga de mulleres do 8M e
despois nas citas electorais do 28 de Abril e do 26 de Maio deixando claro que
non imos dar un só voto a aqueles que cuestionan os nosos dereitos”.
A responsable de Acción Feminista e
coordinadora da campaña, Noa Presas, tamén insta á mobilización “para frear o
tridente Feixóo-Casado-Rivera que está poñendo en cuestión moitos dos nosos
dereitos”. “Fai un ano estábamos até a cona, un ano despois seguimos igual”,
proclamou en alusión ao lema da campaña do pasado ano, -O máis grande de Galiza está até a cona-, que denunciaba o paternalismo
machista da Xunta que comparaba ás mulleres con monumentos na súa mensaxe
institucional.
Non se avanza cunha “política
cosmética”, advertiu, “hai que colocar a igualdade no centro do debate porque
está desaparecida pese á mobilización histórica do pasado 8M. O Goberno do
Estado e da Xunta teñen un suspenso”.
O BNG reafirma o seu compromiso na
defenda dos dereitos das mulleres, sendo un muro de contención contra a
involución e un trampolín para as políticas feministas. Para empezar,
aumentando os recursos para loitar contra a violencia de xénero destinando un
euro de cada cen dos orzamentos da Xunta, derrogar as contrarreformas laborais,
aposta pola conciliación e compromisos reais contra a fenda salarial. Departamento de comunicación