A Xunta de Galicia convocará mañá luns no Diario Oficial de Galicia
(DOG) as oposicións para cubrir 269 prazas no Servizo de Prevención e
Defensa contra Incendios Forestais da Administración galega, as
primeiras probas que se celebran para este servizo desde o ano 2006. En
concreto, a Xunta realizará convocatorias para tres categorías
distintas: 114 prazas de bombeiro forestal, 80 prazas de bombeiro
forestal-condutor de motobomba, e 75 prazas de emisoristas-vixiantes.
O
proceso selectivo realizarase a través do sistema de
concurso-oposición, polo que se terán en conta os méritos de cada
persoa, e a titulación académica requirida para poder participar nestas
oposicións será o título de ESO ou equivalente. Ademais, as persoas que
aspiren a unha praza de bombeiro forestal-condutor motobomba deberán ter
o carné de conducir C e B; e para unha praza de bombeiro forestal é
preciso o carné de conducir B.
O DOG deste luns recollerá esta
convocatoria, na que se reservan 66 prazas para seren cubertas pola
quenda de promoción interna, pero no caso de non seren cubertas,
acumularanse ás de acceso libre. Ademais, do total das prazas
convocadas, reservaranse cinco para ser cubertas por persoas con
discapacidade cun grao igual ou superior ao 33%, e se quedan desertas
tamén se acumularán ás de acceso xeral. En todo caso, os participantes
deberán ter cumpridos os 16 anos e non exceder a idade máxima de
xubilación forzosa.
As persoas interesadas en participar no
proceso selectivo terán que facelo constar no modelo de solicitude que
se facilita gratuitamente na Internet, e aboar a taxa que estea vixente
no momento de presentala. O prazo para formalizar as solicitudes será de
20 días hábiles, que se contarán a partir do seguinte á convocatoria no
DOG.
Como no caso da convocatoria das oposicións de auxiliares de
clínica –publicada no DOG o pasado 25 de febreiro-, a Consellería de
Facenda agarda tamén unha participación masiva nestas probas, tanto polo
importante volume de prazas ofertadas como polos anos que levaba sen
realizarse unha convocatoria no Servizo de Defensa contra Incendios. De
feito, a previsión do Goberno galego é realizar estas probas no Recinto
Feiral de Silleda (Pontevedra), xa que cumpre os requisitos de
capacidade, centralidade e seguridade.
Tipo de probas
O concurso-oposición constará de dúas probas e
unha terceira para evidenciar o coñecemento da lingua galega, e da que
quedarán exentas de realizala aquelas persoas que acrediten estar en
posesión do certificado Celga 3 ou equivalente. Todos estes exercicios
serán eliminatorios e obrigatorios.
O primeiro exercicio
consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 80 preguntas
tipo test, e a realización deste exercicio non terá lugar antes dos sete
meses posteriores a data de publicación desta convocatoria no DOG.
O
segundo exercicio, no caso das especialidades de bombeiro
forestal-condutor motobomba e bombeiro forestal, consistirá na
realización da proba física Field Test,
na que as persoas aspirantes terán que camiñar 3.200 metros sobre terreo
plano cun peso de 11 quilogramos ás costas, nun tempo máximo de 30
minutos. Na especialidade de emisorista-vixiante, este segundo exercicio
consistirá na superación dunha proba na que se examinará a agudeza
visual lonxana en ambos os dous ollos, así como da visión cromática.