El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

POLÍTICA | BNG

Ana Pontón presenta a "Candidatura de País" do BNG

11-03-2019 18:54:39
Presentación das candidaturas nas xerais.

A cita electoral do 28 de abril é unha “oportunidade” para que Galicia recupere voz propia no Congreso e para iso o BNG presenta as persoas que lideran o que a portavoz nacional, Ana Pontón, definiu como candidatura de país, “que transcende as propias siglas do Bloque para ser un proxecto común en defensa dos intereses dos e das galegas, un proxecto ambicioso de país”. 

“Unha oportunidade para defender os intereses nacionais e sociais do pobo galego”, subliñou durante a presentación das persoas que encabezan as candidaturas nas xerais, “despois dunha lexislatura perdida” na que as forzas estatais demostraron que Galiza “lles importan un pito”, pois o cambio só supuxo unha alternancia na discriminación nunha lexislatura na que, ademais, “faltou valentía” para derrogar as contrarreformas laborais, a Lei mordaza ou a LOMCE. 

Neste contexto, “é o momento de apostar polo BNG”, proclamou Pontón, “porque as nosas propostas melloran o país que compartimos, defenden os dereitos das maiorías sociais e ofrecen un horizonte no que ninguén quede atrás”.  Por iso, recalcou, non hai que deixarse levar nin polo medo nin pola resignación. 

“Non é momento de deixarse levar pola política do medo nin de votar a contra. É momento de votar a favor de Galiza, dos dereitos sociais e laborais, do feminismo, votar para utilizar os nosos recursos en beneficio do país, a favor das liberdades, dunha convivencia democrática que vexa a plurinacionalidade e o plurilingüismo  como unha oportunidade”, argumentou a líder nacionalista. 

Para iso, o Bloque presenta unha candidatura con persoas solventes e comprometidas, “sen ataduras” que, nun escenario sen maiorías absolutas, van marcar a diferencia a favor de Galiza. “Non me cansarei de dicilo: É máis útil para os galegos e as galegas 1, 2, 3 deputados do BNG  que 23 atados de pés e mans ás forzas estatais”, recalcou Pontón. 

“Nesta campaña temos que facer que se fale de Galiza, conseguir que os nosos problemas non sexan unha nota a pé de páxina”, indicou a portavoz nacional, tras advertir contra o desfile de cargos de Madrid que só veñen a colleitar votos pero que nada aportan “salvo un centralismo que nos discrimina e nos empobrece”. 

Esa “candidatura de país” que se presenta para “sumar por Galiza” está encabezada por Nestor Rego na Coruña, Maite Ferreiro en Lugo, Iago Tabarés en Ourense e Carme da Silva en Pontevedra. 

Rego amosou o seu convencemento de que os e as galegas constataron o que significa non ter voz propia no Congreso e a discriminación que supuxeron unhas forzas estatais “subordinadas” a Madrid. “Asumimos o compromiso de ser a voz propia na defensa dos dereitos nacionais e socias de Galiza, unha Galiza que conte por si propia”, salientou.


Forzas propias vs discriminación

"O que non queremos é un Pedro Sánchez que veña a mentirnos descaradamente como no caso de Alcoa, nin a un Pablo Casado que veña dicirnos onde e cando podemos falar galego, nin precisamos de deputados que negocian e votan a favor duns orzamentos que son os peores para este país en décadas”. “Confiando nunha forza como o BNG daremos a volta a esta situación desde a certeza de que teremos o apoio necesario para que Galiza recupere a súa voz”, concluíu.  


A Galicia interior

Maite Ferreiro fixo unha cerrada reivindicación do interior o do medio rural como a provincia de Lugo á que representa, cun extraordinario potencial no sector agrogandeiro pero que expulsa a xente moza por falta de oportunidades. Cun discurso feminista, a prol da igualdade en todos os ámbitos manifestou “o orgullo, a ilusión e as ganas de traballar pola provincia de Lugo desde un BNG que sempre está ao lado da xente”, concluíu. 


Transformar a realidade

Desde Ourense, Iago Tabarés, fixo un chamamento para “rachar coa dinámica” dunha provincia “na que somos famosos por ter máis pensionistas que xente traballando”, na que os problemas seguen a ser os mesmos de hai décadas, e reivindicou un rural no que poder “vivir ben” ,con emprego no sector primario pero tamén na industria, cunha aposta pola I+D+i. “En definitiva, crer en Ourense e para iso precisamos unha forza propia que a defenda”, salientou. 


Confianza no pobo galego

Carme da Silva puxo a cidade de Pontevedra cono exemplo do que é posible facer “cando se ten confianza” neste país e na súa xente. “Cando non buscamos a solución fora senón desde nós, somos capaces de grandes cousas. Non é tempo nin de medos nin de resignación, iso é o que pretenden para que nós quedemos quietas, pero o que necesitamos é un proxecto de esperanza  que esta na capacidade do pobo galego para saír adiante, e o que necesitamos é voz que nos defenda e poña en valor e tome decisións a favor deste pobo nun escenario sen maiorías absolutas. Ese é o compromiso do BNG”, concluíu, animando “a traballar polo noso futuro”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias