O BNG
considera un dereito un debate ao máximo nivel no que cada forza política
explique aos galegos e as galegas cales son as súas propostas para este país. Por
iso, a formación nacionalista confía que o PP non vete un debate que reclamou con
éxito cando estaba na oposición.
“Entendo que o medo é libre, pero
espero que Feixóo non se esconda, que dea a cara e que podamos ter un debate
nos medios públicos”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, a preguntas
dos medios. A sociedade ten dereito a saber as propostas de cada forza
política “e que mellor maneira que un
debate ao máximo nivel nos medios públicos, penso que o PP non debería negarse,
a non ser que Feixóo queira esconderse porque ten medo dos debates na TVG”,
recalcou.
Tras lembrar que en 2008 o presidente
do PPdeG facía esta proposta desde a oposición, -que se materializou nun debate
cos máximos dirixentes do PP, PSOE e BNG-, Pontón espera que Feixóo non pasase
de ser “o campión dos debates” a esconderse dos debates.
A líder nacionalista rexeitou a
utilización de termos como “desesperada” ou “necesitada” cos que desde as filas
do PP responden a unha proposta netamente política. “Non sei porque a unha
muller cando está en política teñen que facerlle ese tipo de cualificativos que
non fondo destilan machismo e falta de respecto, desde a prepotencia e a
soberbia coa que actúa o PP”, criticou.
Quen “necesita” que se fale e se
debata sobre os problemas de Galiza “é a cidadanía deste país”, recalcou, tras comprobar
na pasada lexislatura o “pasotismo olímpico” das forzas estatais. “Agora que estamos
en campaña o único que lle preocupa ao PP é colocar a Casado na Moncloa e tratan
os galegos e as galegas como mercadoría electoral”, denunciou.
Interpelada pola conflitividade noutros
partidos, Pontón rexeitou valorar “os líos internos” doutras forzas e
contrapuxo esas loitas de poder co proxecto “sólido, unido e coherente” do BNG “que
ofrece unha alternativa para evitar repetir o desta lexislatura, a
discriminación a Galiza, primeiro co PP da man de Raxoi e despois co PSOE da
man de Sánchez co apoio de En Marea-Podemos”.
“Temos as porta abertas para todos e
todas que desexen unha alternativa á desfeita do PP e para todas esas persoas
que están cansadas do lío en que algúns converten a política con loitas internas
de cotas de poder. Como sempre dixen e recalco, o BNG ten as portas abertas
para todas as persoas que teñan a súa cabeza e o seu corazón neste país”,
salientou Pontón.
Alternatica a favor do país
A dirixente nacionalista salientou que
o BNG cometeu erros dos que aprendeu, pero que nunca se equivocou en saber de
que lado estaba. “Temos aprendido dos nosos erros, pero no que nunca nos
equivocamos foi de que lado estábamos e sempre estivemos en Madrid para
defender os intereses deste país”.
Como exemplo, os 2.000 M€ de
investimento do Estado que lograba Galiza cando o Bloque era determinante no
Congreso, fronte ao recortazo do PP
primeiro e do PSOE despois, cuns orzamentos apoiados por En Marea-Podemos.
“Estou convencida que no medio deste lío
hai moitas persoas que están mirando cara o BNG porque ven en nós unha forza política
sólida, unida e coherente que representa unha alternativa que defende os
intereses nacionais e sociais de Galiza”, concluíu. Departamento de comunicación