Un vigués denuncia que o
pasado mes de febreiro pediu recibir o consentimento
informado para a intervención cirúrxica á que ten
que ser sometido en galego e tanto o médico
responsábel como o departamento de administración do
centro lle dixeron que era imposíbel. Despois de
asinalo en castelán, posto que era imprescindíbel
para ser incluído inmediatamente no rexistro e non
perder dereitos na lista de espera, o paciente
interpuxo unha reclamación perante a Unidade de
Atención ao Paciente do Hospital Álvaro Cunqueiro,
exixindo a posta á súa disposición dun consentimento
informado para a intervención cirúrxica no prazo de
20 días hábiles, co fin de que non se vulneren os
seus dereitos lingu?ísticos. Unha vez transcorrido o
prazo sen recibir notificación ningunha, estuda
emprender accións legais para defender o seu dereito
a ser informado documentalmente na lingua da súa
escolla.
O pasado ano, 2018, a Liña do Galego tramitou 303
queixas, das que un 12% estaban relacionadas co
Servizo Galego de Saúde. Desde a entidade de defensa
da lingua saliéntase que "a administración
autonómica con funcións e competencias para garantir
estes dereitos non só abdica da súa
responsabilidade, senón que é a primeira en
incumprir as súas propias normas en relación ao
galego".
"A Liña do Galego só recolle unha mínima
parte das discriminacións e vulneracións de dereitos
que acontecen todos os días e que en moitos dos
ámbitos son sistemáticas", lamenta a directora do
Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas.
"Este dato é máis unha evidencia dos pasos atrás que
o goberno da Xunta está a dar nos últimos anos en
relación ao impulso do uso do galego na
administración e no respecto aos dereitos
lingüísticos da cidadanía. Quen máis debería facer
cumprir a lexislación que protexe e respecta o
galego, é precisamente quen máis a incumpre e
vulnera", lamenta.
A Liña do Galego
É un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola
Normalización Lingüística dirixido a toda a
poboación que, desde o ano 2007, atende consultas
sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas cara
ás institucións, empresas etc, que os vulneran; así
como parabéns para quen dea pasos cara á garantía do
dereito a vivir en galego. Desde xullo do ano 2016,
a Mesa puxo en marcha a app A Liña do
Galego; o obxectivo desta aplicación é proporcionar
ás usuarias e usuarios unha nova forma de
comunicación que permita o envío de queixas e
parabéns dunha forma sinxela, rápida, segura e
cómoda.
A Mesa pola
Normalización Lingüística
É unha entidade social independente, constituída
en 1986 e da que forman parte arredor de 5000
socias e socios e que ten como obxectivo a
normalidade plena da lingua galega. Neste sentido,
a defensa do dereito ao emprego do galego en
Galiza en todas as situacións e contextos é unha
das súas principais liñas de actuación. Entendemos
que o dereito ao uso da lingua propia non se pode
desligar dos máis elementais dereitos humanos,
civís e democráticos. A entidade dotouse do Observatorio
de Dereitos Lingüísticos que conta cun
comité asesor formado por xuristas e persoas
expertas en diferentes ámbitos.
O Observatorio
elabora relatorios e informes que envía a
diferentes institucións públicas galegas, estatais
ou, recentemente, ao comité de expertos do
Consello de Europa para a Carta europea das
linguas rexionais e minorizadas. Anualmente
presenta publicamente o seu informe A Liña do
Galego baseado nos casos de vulneracións de
dereitos lingüísticos, mais tamén nas consultas ou
parabéns a quen si os garante. A Mesa pola
Normalización Lingüísitica forma parte da Rede
Europea para a Igualdade das Linguas - ELEN. Departamento de comunicación / Mesa pola Normalización Lingüística