O conselleiro de Economía, Emprego e
Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Santiago de Compostela,
durante a presentación da primeira aceleradora alimentaria de Galicia, a
Business Factory Food (BFFood), que o obxectivo deste novo proxecto é
fomentar o emprendemento innovador nesta industria e fortalecer a súa
proxección internacional.
A iniciativa, impulsada pola Xunta a
través do Igape, a Axencia Galega de Innovación (Gain) e XesGalicia,
contará coa coordinación e xestión do Clúster Alimentario de Galicia
(Clusaga). Ademais, importantes empresas tractoras deste sector xa
amosaron o seu interese en participar neste proxecto que tamén contará
co apoio doutras entidades e centros tecnolóxicos e de coñecemento.
Neste sentido, o conselleiro lembrou que se trata dunha iniciativa
aberta e convidou a todos os axentes desta industria a sumarse.
A
BBFood vén sumarse ás aceleradoras sectoriais coas que Galicia conta en
sectores como a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), a
biotecnoloxía (Bioincubatech) ou Agrobiotech (centrada no
agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa). Ademais intégrase en
StartIN Galicia, que aglutina aceleradoras e coworkings cos que se está
apoiando o desenvolvemento de 900 proxectos emprendedores.
A nova
aceleradora permitirá a Galicia contar cunha industria alimentaria máis
competitiva ao permitir aos participantes testar o potencial das súas
ideas con grandes compañías do sector, axustar o seu proxecto ás
necesidades do mercado potenciando o desenvolvemento da I+D. Así, os
proxectos deben estar relacionados con retos tecnolóxicos ou de
innovación que o sector demanda e que van desde a predición da demanda
de produto á economía circular, pasando por unha etiquetaxe intelixente
ou a implantación de sistemas dixitalizados de calidade, entre outros.
Prevese
realizar tres convocatorias na que se apoiará con mentorización,
formación, espazo de traballo, acceso a infraestruturas, networking e
financiamento a un total de 26 empresas que xerarán 60 empregos. A
primeira edición estará aberta ata o 16 de maio e prevese a
participación de seis proxectos.
Conde destacou o peso do sector
agroalimentario galego na economía da Comunidade e lembrou que no ano
2018 foi a terceira industria en volume de exportacións cun total de
1.284 empresas que venderon os seus produtos ao exterior, en concreto a
países como Portugal, Italia, Estados Unidos ou China. O sector conta
con 2.400 empresas que dan traballo a 27.000 persoas e representa o 7,3%
do PIB galego.