A Consellería de Sanidade conmemora mañá o Día Mundial da
Tuberculose, reiterando o seu compromiso de continuar cos esforzos e
actuar en consonancia coas estratexias e obxectivos propostos pola
Organización Mundial da Saúde, na súa tentativa de eliminar esta
enfermidade no ano 2050. Aínda que os indicadores do funcionamento do
programa galego de tuberculose son favorables, o departamento que dirixe
Jesús Vázquez Almuiña recorda que non se pode baixar a garda,
diagnosticando precozmente os novos casos, identificando os contactos e
aplicando o tratamento adecuado.
O Programa galego de prevención e
control da tuberculose 2017-2020, posto en marcha pola Dirección Xeral
de Saúde Pública, ten como obxectivo a redución da incidencia desta
enfermidade nun 25% para o ano 2020 en comparación cos niveis de 2015,
camiño de ser considerada así unha comunidade de baixa incidencia.
Dende
a posta en marcha do programa galego, iniciado en 1996, obsérvase unha
tendencia descendente e progresiva. En concreto, dende 1996 ata 2017, a
incidencia da tuberculose pasou de 71,8 casos por 100.000 habitantes a
19,5, o que se traduce nunha diminución por término medio anual do 6%.
A
incidencia da tuberculose bacilífera, a máis contaxiosa, pasou de 28
casos a 5,6 por 100.000 habitantes no período 1996-2017, cun descenso
relativo anual do 7,4%, diminución moi notable posto que implica a
eliminación das fontes de infección na comunidade.
O principal
factor de risco asociado foi o tabaquismo no 22,2%, seguido de ser
contacto recente cun caso de tuberculose pulmonar bacilífera (12,3%), e
as enfermidades crónicas debilitantes (8,3%). Segundo a localización, o
51,8% dos casos tiñan unha presentación exclusivamente pulmonar, o 33,2%
só extrapulmonar e o 15% presentaban ambas localizacións. Dos casos novos de tuberculose pulmonar, o 43,5% era bacilífero, o tipo con máis capacidade de contaxio.
Importancia do diagnóstico e tratamento precoz
A
Consellería de Sanidade está a reforzar as actuacións para diminuír o
atraso diagnóstico e cortar a cadea epidemiolóxica de transmisión,
concienciando á poboación e aos profesionais da necesidade de
diagnosticar e tratar precozmente esta enfermidade, especialmente os
casos máis contaxiosos.
É importante destacar, tamén, que o 95,4%
do total de casos que iniciaron tratamento no ano 2016 curáronse, esta
porcentaxe sitúase moi por riba do obxectivo da Organización Mundial da
Saúde que é do 85%. A este bo dato contribuíu o traballo desenvolvido
polos equipos das unidades de tuberculose de Galicia, que contan cun
traballador social en cada unha delas e avaliaron a adherencia ao
tratamento no 85,2% de todos os casos, detectando a necesidade de
instaurar tratamento supervisado no 54,5% deles. A supervisión dos
profesionais controlando a toma de medicación pode ser diaria, semanal
ou con outra periodicidade, segundo os casos.
No tocante á
prevención, Sanidade subliña que se debe continuar cos esforzos na
identificación e tratamento dos contactos infectados, tanto nenos como
adultos, situación determinante para a prevención de futuros casos de
tuberculose.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade é
consciente de que para conseguir as metas marcadas é indispensable
seguir actuando de maneira coordinada, sabendo que se lograron avances
considerables pero que hai que seguir a traballar para acadar que un
programa efectivo como o galego acade aínda unha maior calidade,
asumindo as ambiciosas perspectivas da Organización Mundial da Saúde,
expandindo os esforzos xa despregados e buscando fórmulas innovadoras
para deter a tuberculose en Galicia.