A secretaria territorial da Xunta na Coruña, Patricia Rodriguez,
visitou hoxe a Escola Infantil das Mariñas e informou que xa está
aberta a convocatoria para solicitar o Bono Coidado para as familias que
precisan dun apoio puntual para contratar a unha persoa para o coidado
dos seus fillos.
Ademais, como principal novidade o representante
do goberno autonómico informou que “este ano a orde amplía as opcións
para que os pais e nais poidan destinar esta axuda a pagar o custe dun
servizo de coidado infantil non continuado, como por exemplo as
ludotecas ou outros espazos infantís de carácter privado”. Neste senso,
apuntou, que “en anos anteriores esta orde só permitía recibir axudas
para servizos domiciliarios, con esta ampliación queremos mellorar as
coberturas para facilitar aínda máis a conciliación”.
Patricia
Rodríguez informou que o Bono Coidado cubre situacións moi variadas
como que os nenos e nenas estean enfermos ou que non poidan ser coidados
pola persoa que o fai habitualmente, ben sexa por doenza do coidador ou
por distintas circunstancias puntuais de carácter laboral deste, como
poden ser a asistencia a entrevistas de traballo ou a realización de
cursos de formación. A secretaria territorial destacou que “é unha axuda
para as familias que por necesidades puntuais derivadas das obligacións
laborais, persoais ou de responsabilidades familiares precisen
conciliar”.
O Bono Coidado conta cun orzamento inicial de 1,2
millóns de euros (ampliables para atender todas as solicitudes que se
reciban) e del poderán beneficiarse as persoas con nenos e nenas menores
de 12 anos que residan en Galicia e que conten cunha renda da unidade
familiar que non supere os 45.000 euros ou os 13.500 euros per cápita.
A
contía da axuda estará determinada polos seguintes tramos segundo a
renda per cápita familiar: ata os 3750 euros obterán unha axuda de 14
euros por hora de servizo a contratada, ata os 7.500 euros será de 11
euros por hora, as familias con renda per cápita ata os 10.000 euros
terán unha achega de 9 euros por hora de coidador e para aquelas de máis
de 10.000 euros, e sempre que non supere o tope establecido, a
subvención por hora de servizo de coidador contratada será de 7 euros.
Ademais, as mulleres vítimas de violencia de xénero recibirán en todo
caso a contía máxima da axuda con independencia da renda per cápita
familiar.
A Xunta subvencionará un máximo de 80 horas por familia para o
totalidade do período de vigor da convocatoria, que cubrirá os servizos
recibidos entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de novembro de 2019. O
número de horas incrementarase un 15% por cada rapaz menor de doce anos.
Xestíón Administrativa
Os
proxenitores interesados nesta axuda poden inscribirse cando se abre a
convocatoria nunha bolsa de horas, que contempla un máximo de 80 salvo
en familias con máis dun fillo, nese caso elévase a 92.
O abono
farase efectivo logo de achegarlle á xefatura territorial da Consellería
de Política Social correspondente a solicitude e as facturas orixinais
da contratación do servizo acompañadas do xustificante bancario que
acrediten o seu pagamento, aínda que tamén se aceptará a xustificación
do pagamento en efectivo do servizo mediante un recibín do coidador.
Deberase presentar tamén xustificación documental da situación puntual
que dá dereito á percepción da axuda.
Esta é a segunda vez que se
pon en marcha unha actuación destas características na nosa Comunidade
Autónoma co propósito de mellorar as posibilidades de compaxinar as
responsabilidades laborais coas persoais e familiares e crear contornas
favorables para o libre desenvolvemento das familias. Conta cun
orzamento de 3 millóns de euros, correspondendo 750.000 euros ao 2017 e
2.250.000 euros ao 2018.
O programa Bono Coidado constitúe un
recurso máis da área de conciliación do Programa de apoio á natalidade
PAN (PAN-Concilia), como son a Rede de Escolas Infantís dependente da
Administración autonómica e as preto de 2.700 prazas financiadas en
escolas infantís de iniciativa social. Tamén doutras iniciativas postas
en marcha no marco do PAN como o programa do Bono Concilia, a apertura
de escolas infantís en polígonos industriais ou a creación de Casas Niño
no rural.