A
portavoz nacional, Ana Pontón, pediu a Feixóo que deixe de exercer de “conselleiro
delegado” de ENCE e actúe como presidente liderando o traslado da pasteira fora
da Ría de Pontevedra, en lugar de poñerse de lado da multinacional defendendo unha
prórroga “inmoral e ilegal”, que a Avogacía do Estado acaba de declarar “non
conforme a dereito”.
“ENCE non está por riba da lei por moito que sexa unha empresas do IBEX 35”,
proclamou Pontón, “e cambiar as leis para favorecer a ENCE ten un nome:
corrupción”, en referencia a prórroga aprobada polo goberno en funcións de
Raxoi en xaneiro de 2016, despois da súa privatización a prezo de saldo por
parte doutro goberno do PP, o de José María Aznar.
“A ningunha empresa lle regalan 600 mil metros cadrados de dominio público,
a ningunha lle permiten estar 115 anos nun lugar cando a lei di que o máximo
son 75, nin lle perdoan 6 M€ anuais en canón de saneamento e a ningunha lle permiten
inzar o país de materia prima barata e inflamable, sen tan sequera pechar o
ciclo produtivo do papel”, argumentou a dirixente nacionalista.
Por iso, Pontón reclamoulle a Feixóo que mude o papel de “delegado” de ENCE
para exercer como presidente e pilotar o traslado da pasteira, traslado de empresas
contaminantes que xa fixeron as grandes cidades de Europa desde Londres a
Barcelona, pasando por Málaga ou Bilbao, “e para esa ría foi unha bendición que
lles permitiu ganar un espazo urbano e xerar centos de postos de traballo”.
A dirixente do Bloque acusou ao xefe do Executivo de “mentir e enganar” aos
galegos e galegas lembrándolle a súa posición en 2009: “Non cabe a posibilidade de manter a ENCE na ría, non imos dicir unha
cousa e facer a contraria”, declaraba entón. “Fixo todo o contrario e saltou como unha hidra para
defender á multinacional ante a decisión da Avogacía do Estado que lle da a
razón ao Concello de Pontevedra e á APDR, os únicos que denunciaron a
ilegalidade da prórroga do PP”, explicou, ademais de desvelar que o Goberno de
Raxoi non solicitou informe algún para adoptar a decisión de agasallar con 60
anos extra á pasteira. “Será que sabían que ía ser contraria?”, interpelou.
Pontón responsabilizou á multinacional e ao PP de ter chegado a esta
situación e reiterou que o BNG pide algo tan elemental como “que se cumpra a
lei” e que Feixóo exerza as súas competencias para levar a cabo o traslado da
pasteira, “en lugar de poñerse do lado dunha multinacional con accionistas que se fan ricos a costa de
contaminar a ría de Pontevedra”.
Solidariedade e recoñecemento na loita contra o lume
Sacar adiante unha prórroga que a propia Avogacía do
Estado acaba de declarar “non conforme a dereito” non foi a única maneira en
que o presidente da Xunta actuou como “valedor”
da empresa. Tamén o fai cando persiste nunha política forestal “fracasada e
pirómana” ao servizo da multinacional, unha política forestal “que pon en risco vidas humanas e provoca un dos maiores problemas ambientais
deste país”.
“Necesitamos unha nova política forestal ao servizo de Galiza e non ao
servizo de ENCE”, reclamou, tras expresar a solidariedade do BNG cos veciños e
veciñas afectados polos incendios, en particular en Dodro e Rianxo, e o recoñecemento
ás persoas que están loitando contra o lume. Departamento de comunicación / BNG