O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, informou hoxe
na rolda de prensa de Consello, da publicación a partir de mañá no DOG
da orde pola que 19.000 galegos en situación de dependencia
verán incrementadas as súas contías na nómina do mes de abril.
Para
tal fin, sinalou, a Xunta habilitará unha partida de 10 millóns que
beneficiará ás persoas que conten cunha axuda pública para pagar a un
coidador da súa propia familia, nese caso o incremento será do 10% ata
un máximo de 426 euros, e ás persoas con discapacidade ás que se está
axudando a financiar un asistente persoal, situación na que o incremento
será do 15%, pasando o importe medio de 1.300 a 1.500 euros. “Galicia
converterase na Comunidade Autónoma que mellor financia os asistentes
persoais” engadiu.
Durante a súa intervención, Feijóo explicou
tamén que as persoas que dispoñan dun bono autonomía en residencia verán
igualmente aumentadas as contías. Ao que engadiu que ese incremento se
producirá en función do grao de dependencia que teñan recoñecido. Así,
os bonos para as dependencias de grao I elevaranse un 20% ata un máximo
de 360€, os de grao III incrementaranse un 20% ata un tope de 858€ e,
por último, para as persoas recoñecidas co grao II de dependencia, o
crecemento será do 75%, o que supón que practicamente se duplique.
Ademais,
o titular da Xunta indicou que as persoas que se atopen nalgunha das
situacións anteriores non terán que realizar ningún trámite a maiores,
xa que o importe pasará a percibirse de xeito automático nos primeiros
días do mes de maio. En definitiva, unha medida esencial polo seu
impacto en dous colectivos cun peso sociolóxico moi importante en
Galicia, o das persoas maiores e o das persoas con discapacidade.