A directora de Turismo de Galicia, Nava
Castro, participou hoxe en Madrid na Comisión Sectorial de Turismo que
tivo lugar na sede do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo onde
se aprobou a creación dun grupo de traballo específico de turismo no que
estean representadas todas as comunidades autónomas españolas e que se
centrará na preparación do Xacobeo 2021.
Durante a reunión tamén
se aprobou o sistema de sinalización turística homologada (SISTHO), no
que se inclúe a ruta cicloturista Eurovelo ao seu paso por Galicia e se
informou sobre a conxuntura turística española así como a conveniencia
de levar a cabo medidas para aplicar a Axenda 2030 de Desenvolvemento
Sustentable no eido turístico.
Na Comisión Sectorial de Turismo,
na que participaron directores e secretarios xerais de turismo de
diferentes comunidades autónomas españolas, abordáronse igualmente temas
como as normativas das vivendas de uso turístico que no caso de Galicia
están a ser reguladas de xeito eficaz a través do decreto en vigor
desde 2017, que está a protexer aos usuarios e aos empresarios do
intrusismo profesional e velando pola convivencia de usos nas máis de
7.700 vivendas rexistradas. As festas de interese turístico nacional e
internacional ou as consecuencias do Brexit no mercado turístico español
foron outros dos asuntos abordados no encontro.
A creación
deste grupo de traballo alíñase co obxectivo da Consellería de Cultura e
Turismo que avanza para que todo o Estado poida implicarse na
organización deste acontecemento. Así, de xeito paralelo, tamén se ten
solicitado ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo que o Consejo
Jacobeo –no que ata o momento están representadas as comunidades polas
que pasa o Camiño de Santiago- tamén se abra á participación de todo o
territorio español para que poida implicarse na celebración do Ano
Santo.