O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración de catro novas festas
de interese turístico de Galicia que acreditaron a súa antigüidade,
singularidade, arraigamento e valor cultural. Trátase da Semana Santa de
Lugo, a Festa da Romaxe das Cruces, en Ribadeo; a Feira do Poldro e
Gando do Monte das Muras, no municipio de Muras; e o San Brais de
Bembrive, en Vigo.
A aprobación ten lugar, precisamente, cando se
está a tramitar a orde de axudas para este tipo de celebracións, que
este ano duplicará a súa partida ata superar os 600.000 euros. Así, as
festas poderán obter unha axuda por parte do Goberno autonómico de ata
6.000 euros, o dobre que antes. Isto é posible grazas á colaboración
entre a Consellería de Cultura e Turismo e a Vicepresidencia e
Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que
asinaron un acordo no marco do Pacto de Estado contra a violencia de
xénero.
Neste sentido, as axudas irán destinadas, por unha banda,
ao apoio, promoción e difusión dos eventos e, por outra, ao impulso da
campaña Agresión off, eu digo non á violencia sexual de información e
sensibilización para combater actitudes machistas nos festexos. Ademais,
a Consellería de Cultura e Turismo conta cun convenio coa entidade
financeira Abanca, polo que cada celebración pode acceder a unha axuda
adicional de 1.500 euros.
Con estes novos recoñecementos, aprobados no Consello da Xunta,
despois da valoración favorable por parte do Consello Galego de Turismo
que tivo lugar o pasado mes de decembro, a Comunidade conta xa con 145
festas declaradas de interese turístico. Destas, 11 están declaradas
festas de interese turístico internacional, a máxima distinción; 10
teñen recoñecemento nacional e as 124 restantes contan coa declaración
no ámbito autonómico.
San Brais de Bembrive
Vigo acolle
desde hai máis de 350 anos a que está considerada como unha das festas
máis populares de Galicia: o San Brais de Bembrive. Trátase dunha
festividade de transmisión interxeracional na que, cada 3 de febreiro,
se xuntan devotos do Santo, así como da música ou da gastronomía. Entre
os elementos que definen esta festa destaca a romaría, o rito de poñer
unha vela ao Santo para conservar a gorxa, desfrutar do viño nos
furanchos ou comer a cachucha do porco. É de salientar tamén a tradición
musical na zona con grupos de acordeóns, corais, tunas, folk, baile
rexional, pandeireteiras e gaitas.