O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, destacou hoxe,
na rolda de prensa do Consello, a aprobación do decreto de Oferta de
Emprego Público da Administración Xeral para o 2019 con 2.617 prazas.
“Un 18% máis que a convocatoria de 2018”, aseverou, destacando que
Galicia cumpre así “o compromiso de aprobar as ofertas de emprego
público no primeiro trimestre do ano” e que no ano 2019 a oferta de
emprego público sanitaria, educativa e da administración xeral é de
6.004 prazas.
Logo de precisar que “outro ano máis utilizamos o
100% da autorización da Lei Básica de Presupostos do Estado para a OPE
de Galicia”, Feijóo destacou que esta convocatoria inclúe 1.543 prazas
de acceso libre –un 7% máis que en 2018-, 227 prazas para a promoción
interna do persoal funcionario, coas que poderán acceder a postos de
maior responsabilidade e retribución, e 847 para a funcionarización do
persoal laboral fixo.
Con esta nova oferta, aprobada tras recibir o
voto favorable na mesa de negociación de CC.OO e UXT e que, os
vindeiros días publicarase no DOG, a Xunta segue no camiño de conseguir 3
obxectivos: garantir que calquera persoa que cumpra cos requisitos
poida opositar para traballar na Xunta, garantir o dereito á promoción
interna dos empregados públicos e avanzar no primeiro gran movemento
global de funcionarización do persoal laboral fixo, previsto no Estatuto
Básico do Empregado Público.
O titular do Goberno galego destacou
que as prazas de acceso libre concéntranse, na metade, no eido social
con máis de 800, e que o 10,3% do acceso libre reservase para persoas
con discapacidade, unha reserva maior do que establece a lei, un 7%.
“Conseguimos
estar entre as comunidades autónomas con menor taxa de temporalidade,
situándonos no entorno do 7%, e en Sanidade do 5%”, indicou, destacando
que con este decreto a Xunta aposta pola estabilidade: “xa temos
ofertado 13.764 das 15.000 prazas de acceso libre que firmamos con
sindicatos para executar no período 2017-2020”, polo que Galicia cumpriu
o 92% do obxectivo un ano antes do previsto.
A maiores recordou
tamén que se ofertan 9 prazas para persoal funcionarial sanitario, que
se concretan en prazas de inspector médico, inspector farmacéutico,
inspector farmacéutico de saúde pública, subinspector sanitario e
ATS/DUE.
Feijóo salientou que a aposta polo emprego público estable incidindo en
que desde 2009 fixéronse ofertas pública de emprego que conxuntamente
suman 25.417 prazas. E concluíu destacando que “estamos cumprindo a nosa
obriga, superando o acordo sindical, estamos superando a porcentaxe de
prazas que se dedican a persoas con discapacidade e nos imos situar na
comunidade autónoma con menor porcentaxe de temporalidade e, en
consecuencia, con maior porcentaxe de estabilidade dos empregados
públicos”.