El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

GALICIA | CANCRO COLORRECTAL

Sanidade completará este ano a cobertura á poboación do Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal

30-03-2019 10:22:05

A Consellería de Sanidade completará este ano a cobertura total a toda a poboación obxectivo do Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal, cinco anos antes do que establece a Carteira Básica Común de Servizos do Sistema Nacional de Saúde (SNS).

O Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal iniciouse en Galicia no ano 2013 e completou a súa implantación nas 7 áreas sanitarias da comunidade autónoma no ano 2017. A iniciativa está dirixida a homes e mulleres de 50 a 69 anos, é dicir, a preto de 730.000 persoas e cumpre co seu obxectivo de detectar precozmente esta enfermidade. Cómpre subliñar, ademais, que ao extirpar lesións pre-malignas, o programa é capaz de reducir o risco dos pacientes de padecer un cancro colorrectal no futuro e, a medio prazo, diminuír a incidencia da enfermidade. 

Dende o seu inicio e ata decembro de 2018, o programa invitou a participar a máis de 700.000 persoas de 50 a 69 anos. Realizáronse preto de 300.000 probas de sangue oculto en feces e realizáronse preto de 13.000 colonoscopias. 

Froito desta actividade detectáronse 860 cancros colorrectais e máis de 11.000 persoas están a seguimento polo programa, xa que se lles extirparon lesións pre-malignas (que son as que evolucionarían a cancro no futuro). É de subliñar que o 70% destes cancros detectados o foron en estadios iniciais, nos que o tratamento é moito menos agresivo e teñen un prognóstico moi favorable. 


Día mundial 

Con motivo da celebración mañá do Día Mundial para a Prevención do Cancro Colorrectal, a Consellería de Sanidade anima á poboación diana a participar no programa de detección precoz do cancro de colon. Trátase dunha proba sinxela, indolora e gratuíta que se realiza no propio domicilio do paciente. Aqueles que tiveran dado un resultado positivo serán citados para facer unha colonoscopia.

O cancro colorrectal é un problema de saúde importante no noso medio debido a súa alta incidencia e mortalidade. En mulleres é o segundo cancro máis incidente despois do de mama. En homes, segundo as últimas estatísticas, pasou de ser o terceiro, tras o de próstata e pulmón, a ocupar o segundo lugar en incidencia en España tras o de próstata. 

A maior parte destes cancros diagnostícanse cando xa están avanzados o que diminúe a supervivencia dos pacientes. De aí a importancia da súa detección precoz, xa que isto permite reducir a mortalidade e aumentar a supervivencia das persoas que padecen esta enfermidade. Tamén permite aplicar tratamentos menos agresivos e, finalmente, mellorar a calidade de vida das persoas que sofren a enfermidade. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias