A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén
de publicar a convocatoria anual de estadías formativas en empresas ou
institucións para o presente ano 2019 destinadas ao funcionariado
docente non universitario que, en función das modalidades, poderán
realizarse en Galicia, en España ou nalgún país da Unión Europea.
Para
as que se realicen en países da Unión Europea, este ano inclúese a
posibilidade de combinar un período formativo en empresa con formación
lingüística nun dos idiomas oficiais no país onde se desenvolvan para,
deste xeito, favorecer a mellora da competencia lingüística e
comunicativa na linguaxe técnica.
En total ofértanse 90 prazas
dirixidas ao profesorado dos corpos e das especialidades vinculadas ás
ensinanzas de formación profesional do sistema educativo, así como ás
das artes plásticas e o deseño. O obxectivo desta iniciativa é
mellorar a formación do profesorado a través do contacto directo co
propio sector empresarial, o que lle permite coñecer de primeira man os
procesos produtivos que se desenvolven nas empresas así como os avances
tecnolóxicos que incorporan e as inquietudes de investigación e
innovación.
Deste xeito os docentes adquiren uns coñecementos máis
exhaustivos da realidade empresarial que logo poden incorporar ás aulas.A
oferta deste ano estrutúrase en dúas modalidade principais, A e B, esta
última con tres liñas. A modalidade A conta con 20 prazas, para o
profesorado que desexe formarse en empresas ou institucións que se
relacionan na propia convocatoria.
No caso da liña B-1, con 25
prazas, as estadías realizaranse en empresas situadas na Comunidade
Autónoma de Galicia, propostas pola persoa interesada. A liña B-2 consta de 15 prazas nas que o profesorado galego poderá
levar a cabo a súa formación técnica en empresas propostas por el dentro
do ámbito estatal ou países da Unión Europea.
Formación lingüística técnica
Ao
abeiro da Estratexia galega de linguas estranxeiras (Edulingüe 2020), e
co obxecto de mellorar a competencia lingüística técnica do profesorado
e de favorecer as metodoloxías AICLE (Aprendizaxe Integrado de Contidos
e Linguas Estranxeiras) na Formación Profesional, este ano incorpórase a
liña B-3, dotada con 30 prazas.
Nesta modalidade, os docentes que
realicen estadías en países da Unión Europea combinarán un período
formativo en empresa con formación lingüística nun dos idiomas oficiais
do país onde se desenvolvan, favorecendo a mellora da competencia
lingüística e comunicativa na linguaxe técnica específica da actividade
produtiva relacionada con familia profesional na que imparta docencia o
profesor ou profesora.
Con carácter xeral, poderanse realizar os
períodos formativos en empresas ou institucións desde o 20 de maio ata o
6 de setembro de 2019. A duración de cada estadía será como mínimo de
40 horas e como máximo de 160 horas. A contía máxima que poida
percibir o profesorado que realice unha estadía formativa será de 1.300
euros para as estadías de modalidade A e B-1, de 2.000 € para o caso das
estadías da liña B-2 e de 3.000 euros para a B-3.O prazo para realizar a preinscrición remata o 8 de abril. Máis información