O número de fogares galegos que chega con algunha dificultade a fin
de mes diminuíu 2,56 puntos porcentuais no primeiro trimestre deste ano
en relación co trimestre anterior, ao pasar do 46,12% ao 43,56%. Esta é
a segunda cifra máis baixa de toda a serie histórica, segundo a última
Enquisa Conxuntural da Fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE).
Este
descenso é consecuencia da diminución do número de fogares que chegan
con dificultade –que pasan do 40,25% ao 38,03%– e da baixada que tamén
se rexistra na cifra de fogares galegos que chegan con moita dificultade
a fin de mes, que pasa do 5,87% ao 5,53%. Pola contra, no primeiro
trimestre do ano medraron os fogares que chegan con facilidade ou moita
facilidade a fin de mes, que pasan do 53,87% ao 56,43%.
O número
de fogares que declaran ter dificultades económicas tamén mellora en
comparación co mesmo período do ano anterior. Así, a cifra de fogares
con dificultades a fin de mes baixou 3,83 puntos, mentres que se reduce
case á metade a porcentaxe de fogares que chegan con moita dificultade.
En contraste, no último ano a porcentaxe de fogares que declara chegar
con facilidade ou moita facilitade a fin de mes aumentou 9,15 puntos, ao
pasar do 47,28% ao 56,43%.
Indicador de confianza
En
canto ao indicador de confianza do consumidor (ICC), este indicador
descendeu medio punto respecto ao trimestre anterior, ao pasar do
-11,53% ao -12,02%. No primeiro trimestre de 2019 diminuíron tres dos
catro indicadores parciais de perspectivas de evolución que configuran
este indicador (capacidade futura de aforro e perspectivas de evolución
da situación económica de Galicia e do desemprego), mentres que aumentou
o indicador de situación financeira persoal.