El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

GALICIA | DESEMPREGO

Galicia, a terceira comunidade na que máis baixou o paro en marzo

02-04-2019 11:43:16

Galicia é a terceira comunidade na que máis baixou o paro en marzo con respecto a hai un ano superando, ademais, a media de caída de desemprego rexistrada no Estado, con case tres puntos de diferencia. Así, a Comunidade galega rexistrou no mes de marzo unha baixada do paro do -7,70% fronte ao -4,89% de España.

En Galicia, polo tanto, hai 14.262 desempregados menos que hai un ano, polo que o número de parados sitúa á Comunidade en niveis moi inferiores aos de hai unha década. O paro, polo tanto, continúa caendo, case 5 anos e medio de xeito consecutivo. O desemprego tamén descende na evolución mensual, nun 1,65% (-2.868 persoas).

Con respecto á evolución anual das afiliacións, Toca sinalou que continúan crecendo, situándose a niveis de hai 8 anos. Galicia volve a superar a barreira do millón de cotizacións aumentando nun 1,98% (+19.521). É a segunda maior subida nun mes de marzo desde o inicio da crise económica. A Comunidade, ademais, leva cinco anos de incrementos consecutivos, desde abril de 2014. En canto á evolución mensual, Galicia rexistrou 7.094 afiliacións máis que no mes de febreiro. O incremento producido é o maior nun marzo de toda a serie histórica, desde 2005.

A secretaria xeral, así mesmo, indicou que o desemprego baixa nos colectivos prioritarios para a Xunta: os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración. De feito, 4 de cada 5 persoas que saíron do paro no último ano atopábanse nesta última situación.

O paro tamén caeu nas catro provincias e sete grandes cidades galegas e en todos os sectores de actividade liderando o descenso a construción (-21,10%), seguido da industria  (-10,51%), da agricultura e a pesca (-8,31%) e dos servizos (-5,19%).


Actividade industrial 

Con respecto á actividade industrial, a secretaria xeral de Emprego indicou que desde abril de 2009 este sector rexistrou unha redución do desemprego do 45,52% salientando a estabilidade e solvencia da Comunidade galega. Engadiu, ao respecto, que nos últimos 10 meses o paro neste sector baixou en Galicia fronte á subida do Estado. En canto á baixada por provincias, Lugo lidera a caída cun descenso do 9,36%, seguida da Coruña (-8,14%), de Pontevedra (-7,85%) e de Ourense (-4,11%).


Evolución mensual 

Con respecto á evolución mensual, Toca indicou que a cifra de caída do paro é “moi positiva” porque nos meses de marzo dos últimos dez anos (2009-2018) o descenso medio foi de 882 persoas. Ademais, o ritmo de baixada do desemprego é superior ao reflectido no Estado, ao igual que a subida rexistrada nos contratos.

A secretaria xeral de Emprego indicou que a evolución positiva do desemprego súmase á da economía galega que leva 4 anos consecutivos crecendo en torno ao 3%. Apuntou que a Xunta está a apostar polos programas de emprego que combinan a formación e a contratación como Galicia Emprega que está en marcha, unha iniciativa dirixida a mulleres, parados de longa duración, a mocidade e as persoas con capacidades diferentes.


Responsabilidade Social Empresarial

Na visita que a secretaria xeral de Emprego realizou á empresa Zenit Televisión, indicou a importancia de que o tecido empresarial galego aposte por modelos de negocio baseados na Responsabilidade Social Empresarial (RSE), na igualdade laboral e na conciliación laboral e persoal.

Toca sinalou que a RSE xera beneficios ás pemes e incrementa a súa competitividade ao apostar por políticas máis eficientes, sustentables e integradoras. “A competitividade das empresas crecerá se existe un verdadeiro compromiso coa economía verde e responsable”, engadiu.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias