O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe
unha xuntanza co comité de empresa de Alcoa en Cervo para transmitir ao
persoal que o goberno socialista “está comprometido co sector
industrial”. Así o evidencia, sinalou, a aprobación do estatuto para as
empresas electrointensivas, “algo que o PP non fixo en sete anos”.
En
compañía da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; e dos alcaldes de
Burela e Alfoz, Alfredo Llano e Jorge Val; da deputada autonómica
Patricia Otero e de candidatos do PSOE ás eleccións xerais pola
provincia, Gonzalo Caballero explicou que o goberno é “consciente da
importancia de dar viabilidade e estabilidade ao sector industrial de
cara ao futuro” e, precisamente por iso, está tomando medidas que palíen
“as crises industriais que nos deixou o PP pola súa incompetencia”,
tanto no que atinxe á época de Mariano Rajoy como ao mandato de Feijóo.
“En
nove meses, puxemos os mimbres para construír unha política industrial
máis sólida e estable”, remarcou o líder dos socialistas galegos, para
facer fincapé na importancia do estatuto deseñado para as empresas que
rexistran un elevado volume de consumo enerxético.
Esas
empresas, como dixo Gonzalo Caballero citando a Alcoa ou a
Ferroatlántica, “necesitan un marco legal que lles dea posibilidades de
futuro” e por iso o goberno socialista está “traballando día a día para
sacar adiante medidas que lles sexan favorables”. Fronte a isto,
sinalou, “Feijóo está nuns niveis de irresponsabilidade e incompetencia
que os galegos non merecemos” co único obxectivo de xerar “tensión” co
executivo que lidera Pedro Sánchez.
“Feijóo utiliza a política industrial como unha arma
electoral dun xeito incendario, poñendo ao seu conselleiro de perfil en
vez de poñelo a traballar para dar unha solución aos problemas das
industrias galegas”, constatou o máximo dirixente do PSdeG, despois de
recordar que foi o goberno de España o que conseguiu máis tempo para
procurar unha solución a Alcoa e que xa están aparecendo inversores.
"Feijóo non é un aliado"
Neste
contexto, Gonzalo Caballero explicou que os traballadores “son
conscientes de que Feijóo non é un aliado do sector industrial”, senón
que “está utilizando as dificultades” que poidan existir “para buscar
mecanismos de tensión co goberno socialista en busca dos votos que sabe
que non ten”.
Por iso, o dirixente do PSdeG fixo un chamamento a “non caer” nesa
“irresponsabilidade” amosada polo presidente da Xunta. “Para solucionar
os problemas industriais é necesaria a corresponsabilidade, e o goberno
de España ten vontade e unha folla de ruta para dar solucións aos
problemas que deixa o PP”, concluíu.
Visita a Sarria
Despois
de manter esta xuntanza co comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, o
secretario xeral do PSdeG desprazouse ata Sarria, onde foi recibido pola
alcaldesa, Pilar López Yáñez.
Ambos abordaron as
dificultades que atravesan os pequenos municipios do interior, e Gonzalo
Caballero botou en falta medidas de apoio por parte do goberno galego
para revitalizar o rural.
Ademais de cargos socialistas
da bisbarra, en Sarria estiveron tamén os cabezas de lista ao Congreso e
ao Senado pola provincia, Ana Prieto e César Mogo, respectivamente. Departamento de comunicación / PSdeG