O futuro da factoría coruñesa de Alcoa
está nun momento crítico que require “altura de miras”, xusto o contrario do papelón que están interpretando PP e
PSOE nunha carreira de “intoxicación mediática” coa que só buscan ganar tempo
en campaña electoral.
Así o denunciaba a portavoz nacional,
Ana Pontón, que hoxe mantivo un encontro co comité de empresa, xunto co
candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, e o candidato á alcaldía da
cidade, Francisco Jorquera. Pontón demandou de Sánchez e Feixóo “unidade
de acción” nun tema “de país”: “A solución non vai vir usando aos traballadores de Alcoa como pim-pam-pum
electoral coa única intención de ganar tempo pero sen poñer solucións enriba da
mesa que garantan a continuidade e o emprego na factoría”, recriminou.
“Basta de intoxicacións mediáticas,
basta de frivolidades, de estratexia electoral curtopracista por parte de PP e do PSOE, hai que arrima o ombro,
hai que ter altura de miras e unidade de acción fronte a unha cuestión clave
para este país que vai camiño de converterse nun deserto industrial”, reclamou
Pontón.
O BNG considera que a solución é a mesma
que fai un mes ou fai un ano: Aprobación inmediata dunha tarifa eléctrica “estable
e competitiva” para as industrias electrointensivas que poña fina “á ruleta
rusa” das poxas semestrais e acabe “co esperpento que supón ter en risco centos
de empregos só na comarca da Coruña polos custes enerxéticos, nun país que é
produtor neto de enerxía”.
Pontón cualificou de “decepcionante” a
proposta de estatuto para o consumidor electrointensivo presentado polo Goberno
de Sánchez “que non da solución en absoluto ao modelo enerxético fracasado do
PP que nos trouxo até esta situación co prezo da electricidade máis caro da UE
con excepción da insular Chipre, o que fai imposible competir en igualdade de
condicións a un sector estratéxico en Galiza como é o da produción de aluminio”.
“Se houbo solución viables para
Alemaña ou Francia porqué non para o Estado español e para darlle futuro ás
empresas electrointensivas deste país”, interpelaba a dirixente nacionalista.
Tarifa como Euskadi
“Solución definitiva e estable lonxe
de parches que nada aportan máis aló de distraer a atención pública en período
electoral, e esa solución pasa por unha tarifa específica e estable para as
empresas de consumo electrointensivo, como xa ten o País Vasco”, recalcou o
candidato ao Congreso, Nestor Rego.
O BNG fará deste asunto unha
prioridade de traballo desde a Cámara baixa a partir do 28A partindo do feito
de que, como reclamaba Ana Pontón, “baixo calquera circunstancia o Estado ten
que garantir que os fornos de Alcoa se van volver poñer en marcha e se deixa de
xogar co pan dos e das traballadoras afectadas”, concluíu. Departamento de comunicación / BNG