Os membros do Consejo de Patrimonio
Histórico que se reunirán ata o venres 5 de abril no Mosteiro de Santo
Estevo de Ribas de Sil iniciaron, hoxe a súa xuntanza en Galicia cunha
visita á Catedral de Santiago. Os integrantes foron recibidos pola
directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua,
e polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, en
representación da Xunta de Galicia que exerce de anfitrioa.
Un dos
asuntos que se abordarán ao longo destas xornadas é a proposta da
candidatura da Ribeira Sacra para entrar na Lista do Patrimonio Mundial
da Unesco.A apertura da xuntanza do Consejo de Patrimonio
Histórico, á que asistirá o Conselleiro de Cultura e Turismo, Román
Rodríguez, celebrarase mañá, xoves, e estará presidida polo director
general de Bellas Artes del Ministerio de Cultura y Deporte, Román
Fernández-Baca. A continuación celebrarase unha reunión privada na que
participarán todos os membros do Consejo de Patrimonio Histórico e na
que a representación da Xunta de Galicia exporá a candidatura da Ribeira
Sacra.
Consejo de Patrimonio Histórico
Este órgano entre a
Administración do Estado e as Comunidades Autónomas ten como finalidade
especial facilitar a comunicación e o intercambio de programas de
actuación e información relativos ao Patrimonio Cultural Español e nel
están representados todos os directores xerais con competencias en
materia do patrimonio cultural das distintas autonomías españolas, xunto
cos representantes do Ministerio de Cultura e Deporte.