O mes de marzo que acaba de rematar caracterizouse en Galicia por ser
un período cálido pero normal en canto ás chuvias rexistradas. Esta é a
principal conclusión do informe climatolóxico elaborado por
MeteoGalicia, no que se comparan os rexistros de temperatura e chuvia do
mes pasado co período histórico de referencia 1961-2019.
Así,
marzo caracterizouse por presentar unhas temperaturas máis elevadas do
habitual no conxunto da comunidade, cunha anomalía de 0,44 graos con
respecto aos valores medios históricos. En todo caso, non hai que
remontarse moi lonxe para atopar un precedente máis cálido xa que en
marzo de 2017 os termómetros rexistraron un valor medio 0,62 graos por
riba do normal.
A explicación a estes datos hai que buscala nas
sucesivas situacións anticiclónicas que viviu a comunidade nas últimas
tres semanas, con máximas moi elevadas durante o día (e unha anomalía
media de 1,41 graos) e temperaturas mínimas baixas que se rexistraban
especialmente na franxa nocturna (0,53 graos por debaixo do normal). De
feito, un dos aspectos que se resaltan no informe de MeteoGalicia é a
gran oscilación térmica entre os valores máximos e mínimos rexistrados
durante a segunda quincena do mes.
A situación de calor foi
xeneralizada en toda Galicia aínda que destacan situacións como a da
comarca do Ribeiro, onde se rexistraron as temperaturas máximas máis
elevadas da comunidade, cun valor medio próximo aos 21 graos; ou no
extremo contrario a de Manzaneda e Pena Trevinca, cunha temperatura
máxima media de 7 graos.
Polo que respecta ás precipitacións, a
situación foi bastante acorde ao esperado. Así, segundo a
caracterización que se recolle no informe, marzo foi un mes normal desde
este punto de vista aínda que coa particularidade de que o número de
días de chuvia si estivo por debaixo do normal.
Así, os datos de
MeteoGalicia apuntan a que se recolleu un 12% menos de auga do habitual
atendendo ao período histórico de referencia e o groso das chuvias se
concentraron en tan só tres xornadas de comezos de marzo. A calidez do pasado mes de marzo e a situación de normalidade en canto
ás precipitacións contrasta cos datos rexistrados nesta mesma época o
ano pasado.
De feito, marzo de 2018 caracterizouse por ser o máis frío
da serie histórica desde o punto de vista das temperaturas máximas
(cunha anomalía 1,41 superior á media) e o segundo máis húmido (xa que
choveu case tres veces máis do agardado segundo os valores históricos).