O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, pediu hoxe aos
galegos do exterior que sexan embaixadores dun dos eventos máis
importantes da década que vén, o Xacobeo 2021. “O reto convoca á Galicia
de aquí, pero tamén á Galicia de todos os países que representades”,
dixo, durante a reunión extraordinaria da Comisión Delegada do Consello
de Comunidades Galegas.
Ao longo da xuntanza, Feijóo lembrou que
os galegos do exterior exerceron sempre unha galeguidade activa,
ensinando polo mundo a nosa cultura; prestixiaron o nome de Galicia,
emprenderon e triunfaron e sempre demostraron a súa preocupación polo
que ocorría na súa terra de orixe. “Por fortuna, lonxe ou preto, sempre
soubemos vivir como unha comunidade, como construír o noso propio nós”,
sinalou.
Nesta liña, incidiu en que poucos pobos teñen a fortuna
de poder atopar unha casa ou un fogar en tantos lugares do mundo; unha
especie de embaixadas que se crearon espontaneamente e que non van en
contra de ninguén, senón a favor da convivencia. “E por iso, quero
reivindicar o voso papel no mundo”, sentenciou.
Así mesmo, o
responsable do Executivo autonómico asegurou que as comunidades de
galegos no exterior son a mellor proba para desmentir falsos argumentos
que agroman en algúns lugares de España e de Europa; un gran monumento á
convivencia. “As identidades suman, non restan. Así o demostrades todos
vós”, dixo, precisando que os 150 centros galegos no mundo -as 150
casas de Galicia- non só levaron por todos os lugares a nosa historia, a
nosa cultura, a nosa lingua e a nosa memoria, senón tamén os nosos
valores: tolerancia, convivencia e unión.
O titular da Xunta aproveitou o acto para transmitir, unha vez máis, a
preocupación por Venezuela e polos 36.000 galegos que viven no país. E
fixo fincapé na necesidade de que se estableza un procedemento
específico para facilitar o retorno das familias.
Ao respecto,
referiuse aos obstáculos que as parellas mixtas ou con fillos que non
teñen a nacionalidade atopan para conseguir permisos de residencia ou de
traballo, ás dificultades para a homologación de títulos ou o acceso á
vivenda. “Precisamos que as administracións locais, provinciais e
autonómicas teñan moi en conta que o acceso á vivenda é a tarxeta de
entrada e benvida que lle debemos a calquera familia retornada de
Venezuela”, dixo, sobre este último punto, resaltando tamén a necesidade
de reforzar a Fundación España Salud, para aumentar o número de
beneficiarios que poidan contar con cobertura sociosanitaria e para
atender as súas necesidades básicas a través das tarxetas de alimentos.
Feijóo
quixo tamén destacar a implicación das comunidades de galegos e a súa
relevancia na xestión das axudas sociais e asistenciais, e recordou que
mañá sábado a emigración galega no seu conxunto recibirá a Medalla do
Parlamento de Galicia, “polo voso labor, compromiso, valentía e
valores”.
O presidente da Xunta concluíu resaltando ademais que
ser galego é hoxe unha oportunidade para as comunidades de galegos do
exterior, e especialmente para os máis novos, aos que a Comunidade lles
abre as portas para que acaben aquí a súa formación e, a continuación,
poidan comezar un futuro laboral. “É unha oportunidade para as segundas e
terceiras xeracións do exterior, pero tamén para Galicia”, matizou, en
alusión ao reto demográfico.