O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de
adhesión á marca FEST Galicia, dirixida a festivais profesionais de
música que se celebren entre o 1 de xuño e o 30 de setembro deste ano.
Esta resolución da Consellería de Cultura e Turismo establece as
condicións que deben reunir os eventos interesados en formar parte desta
iniciativa, que destina 350.000 euros a consolidar e impulsar esta
estratexia de colaboración da Xunta con festivais considerados
estratéxicos para promover o turismo musical de acordo con criterios de
calidade, sustentabilidade e responsabilidade social.
Nesta contía
inclúese, así mesmo, a achega da Secretaría Xeral de Igualdade para as
accións relacionadas coa difusión da campaña Agresión Off. Eu digo non á
violencia sexual nos festivais asociados a esta nova temporada da
marca. Ademais, en 2019 FEST Galicia vincularase estreitamente á
promoción do Xacobeo 2021 no seu obxectivo común de favorecer o
posicionamento e o fomento da industria cultural galega e de impulsar a
proxección internacional de Galicia.
A colaboración
materializarase a través da sinatura de contratos de patrocinio coas
empresas organizadoras daqueles festivais que reúnan unha serie de
condicións relativas ao seu orzamento, programación, redución do impacto
medioambiental ou cumprimento da normativa en materia de espectáculos
públicos, entre outras.
Prazo de solicitude
As solicitudes
deberán presentarse ata o 8 de maio na Oficina do Rexistro Auxiliar de
Turismo de Galicia, incorporando toda a documentación requirida, tanto
administrativa como técnica, na forma que se especifica. A finalidade de FEST Galicia é promover un turismo musical
sustentable, liderado por festivais estratéxicos para a nosa Comunidade
dentro dunha iniciativa transversal da Xunta de Galicia. Así o explicou
hoxe o director da Agadic, Jacobo Sutil, na presentación en Santiago da
terceira edición do 17º Ribeira Sacra Festival, unha das dez citas que o
ano pasado participaron na experiencia piloto da marca.
Xunto ao
Ribeira Sacra, tamén se asociaron á primeira temporada de FEST Galicia
PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON
Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival
de la Luz e WOS Festival. Como parte desta iniciativa conxunta,
acolleron nas súas edicións de 2018 unha serie de accións, obradoiros e
campañas de sensibilización contra a violencia de xénero, de fomento do
uso da lingua galega, de concienciación medioambiental ou de valores
positivos para a xuventude, entre outras. Ademais, no ámbito da
igualdade, apoiouse especificamente a programación musical con
perspectiva de xénero e a incorporación de mulleres a todas as
categorías profesionais.
Música e patrimonio na Ribeira Sacra
A
Fundación DIDAC de Santiago acolleu esta mañá a presentación da nova
edición que o Ribeira Sacra Festival desenvolverá do 18 ao 21 de xullo
en espazos e lugares emblemáticos de Monforte de Lemos, Chantada e
Sober. Kevin Johansen, Enric Montefusco e Marem Ladson son algúns dos
artistas que actuarán neste evento, que de novo xirará arredor de catro
eixos: música, natureza, gastronomía –con especial atención á produción
vitivinícola– e patrimonio.Precisamente, o Consello do Patrimonio
Histórico –órgano para a coordinación neste ámbito entre a
Administración do Estado e as Comunidades Autónomas– acaba de aprobar
por unanimidade na reunión celebrada hoxe no Parador de Santo Estevo de
Ribas de Sil (Ourense) a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio
Mundial de la Unesco.