A Xunta de Galicia oferta 1062 prazas en
16 balnearios e talasos da comunidade ás galegas e galegos de máis idade
dentro das novas edicións dos programas de Benestar en Balnearios e
Benestar a través da Talasoterapia. O director xeral de Maiores e
Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, presentou hoxe nas
instalacións do Balneario de Mondariz estas dúas iniciativas que teñen
como finalidade que as persoas maiores desfruten do seu tempo de lecer
en espazos que lles proporcionen unha maior calidade de vida.
No
caso do programa de Benestar en Balnearios as quendas son de 10 días,
con 9 noites cada unha, e desenvolveranse entre os meses de maio e
outubro. As estancias nos talasos serán de 6 días e 5 noites cada unha, e
terán lugar de maio a novembro. A Xunta financia un terzo do custe das
prazas e as persoas interesadas teñen ata o vindeiro día 2 de maio para
presentar as súas solicitudes.
De la Campa sinalou estes dous
programas responden a catro obxectivos, xa que contribúen a mellorar a
calidade de vida dos maiores, ao fomento de actitudes positivas cara o
coidado da saúde e a promoción da autonomía persoal, a favorecer as
relacións sociais e apostan por un sector de actividade no que Galicia é
punteira.
En concreto, a Xunta pon á disposición dos maiores de
65 anos ou de 55 que sexan pensionistas 362 prazas no Hotel Talaso Louro
da Illa da Toxa e no Thalasso Cantábrico de Viveiro e outras 700 prazas
nos seguintes balnearios: Baños Vellos de Carballo, Hotel Balneario
Augas Santas (Ferreira de Pantón), Balneario do Río Pambre (Palas de
Rei), Termas de Lugo, Balneario de Acuña (Caldas de Reis), Os Baños da
Brea (Vila de Cruces), Balneario de Caldelas (Tui), Termas de
Cuntis-Hotel Castro, Balneario de Mondariz, Balneario de Molgas (Baños
de Molgas), Gran Balneario do Carballiño-Residencia de Tempo Libre do
Carballiño, Caldaria Termal de Laias (Cenlle), Lobios-Hotel Lusitano e
Caldaria Termal de Arnoia.