O conselleiro de Cultura e Turismo, Román
Rodríguez, reuniuse hoxe con representantes do tecido empresarial
galego para presentar o vindeiro Ano Santo e avaliar o impacto económico
desta, celebración para toda a Comunidade. Durante un almorzo-coloquio
organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, Román
Rodríguez pronunciou a conferencia Xacobeo 21, oportunidade para a
empresa galega, centrada na importancia do Camiño de Santiago para o
desenvolvemento de Galicia.
Así, fronte aos máis de cen
empresarios que acudiron a cita, o titular de Cultura e Turismo explicou
que o Camiño de Santiago “foi durante séculos o principal dinamizador
socioeconómico do norte da península” e que a Ruta Xacobea está
“profundamente ligada á actividade económica que trae consigo”.
“O
Camiño de Santiago trouxo visitantes, comercio e un importante
desenvolvemento que deixou a súa pegada en todos os pobos e vilas polos
que pasa”, subliñou. Froito da actividade relacionada cos
itinerarios xacobeos, Galicia conta hoxe cunha importante industria
turística que supón o 10,4% do noso Produto Interior Bruto e ao redor do
11% dos postos de traballo. “O Xacobeo 21 chega nun momento
extraordinario. Temos consolidado o noso propio modelo turístico e agora
presentásenos unha oportunidade única para construír unha Galicia
mellor e máis preparada para o futuro”, sostivo Román Rodríguez.
Nesta
liña, o titular de Cultura e Turismo puxo de manifesto que estudos de
diversas entidades públicas e privadas, estiman que o PIB de Galicia
pode crecer entre cinco e seis décimas durante un ano Xacobeo, e
consolidarse un crecemento de 1,5 décimas para os anos posteriores.
Estes mesmos estudos reflexan que o número de turistas que visitan a
nosa Comunidade tende a incrementarse en máis de un millón, dos cales a
metade consolidaríanse permanentemente nos anos posteriores. “Estas
cifras revelan que a oportunidade que temos por diante é inigualable”,
destacou. Co obxectivo de aproveitar esta oportunidade, Román
Rodríguez convidou aos representantes do tecido empresarial a
involucrarse na planificación do vindeiro Ano Santo e poder desenvolver
un Xacobeo que sexa “fonte de orgullo, riqueza e progreso para todos os
galegos”.
Incentivos fiscais
Para incentivar a
participación do tecido empresarial no vindeiro Ano Santo, as entidades
recibirán, tal e como explicou o titular de Cultura e Turismo “os
máximos beneficios fiscais establecidos pola lei”. Nesta liña, Román
Rodríguez detallou que existen tres categorías de colaboración:
convenios, doazóns e publicidade.
No caso dos convenios, as
entidades colaboran con aportacións directas para financiar unha
actividade concreta. “Estas aportacións deducirán o 100% da cantidade
satisfeita sobre a base impoñible do imposto de sociedades, no caso das
persoas xurídicas, e sobre o rendemento neto, no caso das persoas
físicas”, precisou. As doazóns, pola súa banda, poderán ser económicas,
de bens ou de dereitos. “Neste caso as persoas xurídicas poderán deducir
o 40%, mentres que as persoas físicas poderán deducir o 80% ata os
primeiros 150 euros e o 35% do resto”.
Por último, haberá deducións
fiscais por gastos de publicidade. Nestes casos, a cantidade que se
poderá desgravar pode chegar a supor o 90% relativo ao 15%, do que unha
empresa inviste en materia de publicidade e promoción.A
finalidade de todos estes incentivos é, segundo salientou Román
Rodríguez, “construír un Xacobeo 21 do que todos os galegos se sintan
parte”.