Representantes de Sanidade ofreceron esta
mañá ao Comité de Folga canalizar as súas reivindicacións de carácter
organizativo e asistencial a través do Consello Técnico de Atención
Primaria, no que estarán representados sociedades científicas,
asociacións profesionais e sindicatos. Ademáis, propuxo ao comité a
apertura na mesa sectorial de sanidade dun diálogo sobre atención
primaria para abordar as reivindicacións laborais presentadas.
Co
acordo acadado hoxe as organizacións desconvocan a folga que estaba
fixada para os días 9, 10 e 11 de abril. Co devandito acordo, culmínase
un proceso de diálogo pola mellora da atención primaria promovido pola
Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e no que
participaron máis de cen profesionais en máis de 50 reunións de
traballo. Neste senso, Sanidade lembra o documento asinado co Consello
Galego de Médicos e as Sociedades Científicas de Atención Primaria
SEMERGEN Galicia, SEMG Galicia e AGAMFEC, no que se recollen medidas
concretadas co orzamento necesario para podelas facer efectivas
detallando, entre outras, as dedicadas a incremento de persoal de todas
as categorías, equipamento e novas infraestruturas.
Neste senso,
Sanidade continúa apostando polo diálogo e o consenso ao obxecto de,
entre todos, mellorar a atención primaria tal e como se ratifica no novo
plan de atención primaria con case 200 propostas realizadas.No
documento de propostas para o Novo Modelo de Atención Primaria en
Galicia xa está incluído o compromiso de manter un orzamento específico
para o programa de gasto atención primaria de saúde, diferenciado dentro
da clasificación funcional do Organismo. En dito programa imputarase o
gasto correspondente a aquelas actividades asistenciais e de xestión dos
centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde para dar
resposta ás necesidades dos cidadáns.
Outra das medidas que xa ten
tamén prevista Sanidade é a substitucións das actuais estruturas
organizativas de xestión integrada (EOXI) polas áreas sanitarias. Estas
áreas están concebidas como estruturas organizativas que asumirán con
autonomía funcional a xestión dos recursos sanitarios, prestación e
programas de atención sanitaria, así como a coordinación sociosanitaria e
a promoción e protección da saúde da súa poboación de referencia.