Despois do anuncio, o venres pasado, dos dezaseis proxectos
preseleccionados na primeira edición da aceleradora BFAero,
especializada no sector aeroespacial e impulsada pola Xunta, a través da
Consellería de Economía, Emprego e Industria, os seus promotores
tiveron que defender as súas candidaturas, primeiro nunha entrevista
persoal que mantiveron onte co equipo promotor e esta mañá a través de
breves presentacións ante o comité executivo no marco do Pitch Day.
Tras
a deliberación do comité executivo celebrada hoxe, a directora da
Axencia Galega de Innovación (Gain) e presidenta deste comité, Patricia
Argerey, comunicou os proxectos seleccionados e entregoulles os diplomas
acreditativos. Das seis iniciativas, o 50% proceden de Galicia, mentres
que as tres restantes teñen a súa orixe en Madrid e a Comunidade
Valenciana.
Patricia Argerey destacou a gran concorrencia de
proxectos -recibíronse un total de 54 solicitudes- e a alta calidade dos
mesmos e animou ás iniciativas que non resultaron seleccionadas hoxe a
madurar as súas ideas e intentalo en vindeiras edicións desta
aceleradora, que ten previsto dúas convocatorias máis ata acoller 19
proxectos en total.
Ademais, Argerey lembrou que o obxectivo desta
aceleradora é crear e acelerar compañías innovadoras na cadea de valor
do sector aeroespacial en Galicia capaces de captar, atraer e reter
talento en Galicia e subliñou que, precisamente, o talento é un factor
clave para posicionar Galicia como un referente a nivel internacional en
innovación no sector aeroespacial.
A directora de Gain felicitou aos
seleccionados, animounos a aproveitar as oportunidades que lles ofrece
este programa de aceleración e incubación e agradeceu ás entidades e
empresas colaboradoras a súa implicación nesta iniciativa (as empresas
Indra e Babcock, o centro tecnolóxico da automoción CTAG, a Fundación
CEL, diferentes colaboradores representados polo Consorcio Aeronáutico
Galego e os organismos dependentes da Xunta de Galicia, Igape, Gain e
XesGalicia).
Beneficios da participación neste programa
A partir de agora,
estos proxectos comezarán en maio os programas de incubación e
aceleración, nos que terán acceso, ademais de financiamento, a espazos
de traballo compartidos, plans de formación adaptados ás súas
necesidades, acompañamento de mentores escollidos entre profesionais do
sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados, oficinas individuais
equipadas, aulas de formación e servizos de asesoramento técnico que pon
á súa disposición a Fundación CEL, posibilidade de uso das instalacións
do aeródromo de Rozas, onde os elixidos poderán utilizar os drons de
Indra e Babcock (Targus e LUA) e outros equipamentos especializados do
ámbito da Civil UAVs Initiative.
En canto ao apoio económico, a
Xunta de Galicia ofrece un financiamento a fondo perdido de ata 100.000
euros na fase de incubación e de 50.000 en aceleración. Paralelamente,
poderán optar a un financiamento en forma de préstamos de Indraventures
de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en
aceleración. Tamén en aceleración terán acceso a préstamos
participativos de ata 250.000 euros de XesGalicia.
A Aceleradora Business Factory Aero
A
aceleradora Business Factory Aero enmárcase na Civil UAVs Initiative, a
iniciativa para converter a nosa Comunidade nun polo tecnolóxico e
industrial arredor dos vehículos non tripulados, de referencia
internacional. En concreto, o seu obxectivo é atraer talento e
coñecemento cara Galicia e fomentar o emprendemento neste ámbito, en
liña coa plataforma StartIN Galicia.
A aceleradora está promovida
pola Xunta de Galicia, a través do Igape, Axencia Galega de Innovación
(Gain) e XesGalicia, polas empresas Indra e Babcock e o centro
tecnolóxico da automoción CTAG, xestionada pola Fundación CEL e apoiada
por diferentes entidades colaboradoras representadas polo Consorcio
Aeronáutico Galego.