O grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, do que forma
parte a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, comprometeuse hoxe a seguir
traballando pola devolución do pazo de Meirás. Asemade, este grupo de
eurodeputados e eurodeputadas defensores da recuperación da memoria, así
como as eurodeputadas Soraya Post e Eleonora Forenza -impulsoras xunto
Ana Miranda da Resolución contra o Avance do Fascismo en Europa-
expresaron o seu apoio ao colectivo 19 de Meirás e ao historiador Carlos
Babío, denunciados pola Fundación e a familia Franco.
“A
recuperación do pazo de Meirás é un tema que estará vivo na seguinte
lexislatura”, salientou Ana Miranda, quen exerceu de portavoz do grupo
de Memoria Histórica do Parlamento Europeo xunto a Ernest Urtasun e
Josep María Terri-Cabras. A eurodeputada nacionalista propuxo, por outro
lado, a necesidade de elaborar un estudo sobre o impacto económico do
espolio franquista. Ernest Urtasun, na súa intervención, ademais
de facer fincapé na reclamación do pazo de Meirás “como vello vestixio
franquista”, cualificou de “insultante” que as persoas que encabezan
esta loita estean denunciadas pola Fundación e a familia Franco.
Precisamente Néstor Rego, como representante dos 19 de Meirás, explicou
que a denuncia contempla unha petición de máis de 247 anos de cárcere
por ocupar simbolicamente o pazo de Meirás o 30 de agosto de 2017 para
reclamar a súa devolución.
Os delitos dos que acusan aos 19 de
Meirás consisten nos de “Violación de morada”, co agravante de violencia
ou intimidación, que segundo o Código Penal español está penado con
prisión de 1 a 4 anos; “Delito contra o honor” con publicidade, penado
con 6 meses a 2 anos ou multa de 12 a 24 meses; “Danos”, na modalidade
agravada, penado con prisión de 1 a 3 anos e multa de 12 a 24 meses; e
“Delito de odio”, penado con prisión de 1 a 4 anos e multa de 6 a 12
meses.
Anomalía democrática
“Poñemos en evidencia unha
anomalía democrática, como é que unha familia disfrute dunha propiedade
ilegalmente, roubada polo ditador amparándose no poder que tiña durante
os anos da guerra, e avalada pola propia monarquía”, salientou Rego. Ao
seu xuízo, a recuperación do pazo de Meirás non se trata só do seu valor
económico, senón do “valor político e simbólico de restauración da
dignidade da memoria democrática”. Criticou asemade a inacción do
goberno español ao respecto, “que tendo toda a base xurídica elaborada
polo Parlamento de Galiza e a Deputación da Coruña para proceder a súa
reclamación non o fai”. Neste sentido indicou que a única explicación
para que non se proceda á reclamación é a existencia de presións dos
poderes fácticos “incluída a Casa Real”.
Pola súa banda, o
historiador Carlos Babío, autor da obra “Meirás, un pazo, un caudillo,
un espolio”, recalcou que a adquisición do pazo por parte do ditador foi
froito do espolio. Precisamente Babío é neta dunha sadense que foi
expulsada da súa casa para incorporala ao recinto do pazo e denunciado
pola familia Franco por expoñer estes feitos nun programa de televisión.
“Estamos diante dunha anomalía democrática”, subliñou.
Deste xeito, tras a reunión
celebrada con asociacións memorialísticas, un dos lugares visitados foi o
Cemiterio Municipal San Fernando de Sevilla, onde vítimas da represión
están enterradas en foxas e a Basílica da Macarena, onde está enterrado o
xenocida Gonzalo Queipo de Llano.
“Lamentablemente, a impunidade
do franquismo con Queipo de Llano, enterrado con todas honras, é
similar a que padecemos en Galiza coa familia Franco a respecto do pazo
de Meirás, unha das propiedades incautadas polo ditador que sigue en
mans da súa familia”, subliñou Ana Miranda, quen considera que esta
situación é unha “grave anomalía democrática que o Estado español ten o
deber de corrixir”.
E precisamente para rematar con esta anomalía
a deputada galega considera que o Estado español conta cunha “útil
ferramenta” como é a Resolución en contra do avance do fascismo,
aprobada na Eurocámara o pasado 25 de outubro. Este documento insta, no
seu artigo 20, a que os Estados Membros prohiban as asociacións e
organización que fan apoloxía do fascismo e do nazismo. “É dicir, desde a
Eurocámara pedimos ao Estado español que prohiba a Fundación Francisco
Franco”, explica Miranda.
As emendas aprobadas nesta resolución
tamén contemplan a retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos e a
retirada de toda a simboloxía franquista, así como o desenvolvemento do
traballo de contextualización e reinterpretación para que os símbolos
que non sexan suprimidos contribúan á sensibilización do público e a
recuperación da memoria histórica.
Visibilidade internacional
A visita a Sevilla constitúe a terceira iniciativa organizada polo
grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, integrada por deputadas e
deputados de distintos países e de diferentes grupos políticos agás o
PP, en menos dun anos. A primeira delas consistiu nunha visita ao Val de
Cuelgamuros, para reclamar a retirada dos restos do ditador; mentres
que a segunda foi o percorrido polo pazo de Meirás, onde a delegación
puido comprobar como alí se fai apoloxía da ditadura.
“Desde o
grupo de Memoria Histórica da Eurocámara queremos acadar visibilidade
internacional para o problema da impunidade do franquismo e rematar co
incumprimento de principios europeos sobre a memoria democrática”,
salienta Ana Miranda ao tempo que denuncia o continuo incumprimento da
Lei de Memoria Histórica.