O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou onte A
Coruña, un día despois de estar en Vigo e Ourense, para estar en
contacto coa cidadanía antes de participar nunha cea-mitin en Vilalba en
compañía da candidata á alcaldía, Elba Veleiro.
Dende a cidade
herculina, o líder dos socialistas galegos fixo referencia ás
declaracións do ex-presidente pedindo “moderación” aos seus para
concluír que “ata Rajoy se dá conta de que o PP perdeu o rumbo” e de que
a súa viraxe á ultradereita é “unha estratexia errada”.
“Na súa
aposta por aliarse con Vox, o PP afastouse de toda a cidadanía que
quere que o país siga avanzando e prosperando”, explicou Gonzalo
Caballero, quen remarcou que “o PP perdeu o sentido común que lle
reclama Rajoy”.
Fronte a iso, o máximo dirixente do PSdeG recalcou que só o PSOE representa “o voto útil” para continuar na senda de progreso. E é que, como destacou, o goberno que encabeza Pedro Sánchez demostrou
que é posible “gobernar para a maioría” e traballar para que a
recuperación económica chegue a todos os fogares. Así o evidencian,
apuntou, decisións como a suba das pensións e do SMI ou os plans de
emprego para mozos.
Por iso, Gonzalo Caballero chamou a toda a cidadanía a participar nas
vindeiras eleccións xerais, nun contexto no que están en xogo cuestións
tan relevantes como o dereito a interromper o embarazo ou a loita
contra a violencia machista. “Ninguén pode quedar de perfil”, finalizou.
Visita á Coruña
Gonzalo Caballero fixo estas
declaracións no transcurso dunha visita á Coruña, onde aproveitou para
anunciar que o vindeiro martes estará en Galicia Pedro Sánchez para
visitar Ourense e Vigo. Ademais, o secretario xeral do PSdeG
puxo en valor a candidatura que a nivel municipal encabeza Inés Rey e
recordou que a cidade herculina só foi “unha referencia” cando o Pazo de
María Pita tivo un socialista á fronte. Departamento de comunicación / PSdeG