O Arquivo Histórico Provincial de Ourense
(AHPOu) garda na súa colección de pergameos un valioso manuscrito,
recentemente identificado, da obra haxiográfica de Bernardo de Brihuega,
estreito colaborador do rei Afonso X (1252-84). Trátase de dous
fragmentos –un bifolio e unha folla solta– en castelán das Vidas y pasiones de los Apóstoles,
datables a finais do século XIII ou comezos do XIV, que constitúen o
testemuño máis antigo conservado desta obra, da que até agora só se
coñecían algunhas copias tardías (desde segunda metade do XIV até
comezos do XVI) en latín, castelán e portugués.
Os fragmentos en
cuestión teñen o valor engadido de pertenceren a un códice haxiográfico
moi coidado, seguramente de procedencia rexia, en que se copiaría a
tradución castelá íntegra do libro II de Bernardo de Brihuega sobre a
vida e as paixóns dos apóstolos. Neste caso, o contido conservado nos
dous fragmentos correspóndese con varios capítulos da vida e paixón de
Santo Tomás, San Marcos e San Andrés.
É moi relevante, ademais,
que o bifolio fora reutilizado como capa dun libro de apeo dos bens do
convento feminino de Santa Clara de Allariz, único mosteiro galego de
fundación real, pois permite reconstruír o itinerario cultural do códice
desde a corte castelá até o territorio galego e a súa eventual difusión
ao reino portugués nas primeiras décadas do século XIV.
A
colección haxiográfica de Bernardo de Brihuega, compilada baixo o
mecenado do rei Sabio, estaba composta por cinco libros sobre a historia
da Salvación e dos seus protagonistas a partir do Novo Testamento: a
vida de Xesús e de Santa María (libro I), as vidas e paixóns dos
apóstolos (libro II), as paixóns dos mártires (libro III), as vidas dos
confesores (libro IV) e as vidas das virxes (libro V).
Fonte principal da 'General estoria'
A
tradución desta obra ao castelán, realizada polo propio de Brihuega,
ademais de circular como unha obra independente, como demostra o
fragmento do AHPOu, tería sido empregada como fonte principal para a
composición dalgunhas seccións da compilación universal de Afonso X, a General estoria.
Desde finais do século XIII e durante as centurias seguintes, a obra
vernácula de Brihuega tería sido difundida e traducida no Occidente
peninsular, como demostra o fragmento do AHPOu e as diferentes versións
portuguesas hoxe conservadas.
Os fragmentos do AHPOu foran descritos nun principio por Antonio Odriozola como parte da General estoria,
mais o recente estudo de Ricardo Pichel (Universidade de Alcalá), quen
prepara actualmente unha edición e estudo completo do manuscrito,
permitiu identificalos coa obra haxiográfica de Bernardo de Brihuega e
afinar a súa datación a cabalo dos séculos XII e XIV. Pódese
ler unha primeira aproximación ao estudo dos fragmentos nesta páxina
web TextoR do Grupo de Investigación Textos para a Historia do Español
da Universidade de Alcalá.
Centro dependente da Xunta
O
Arquivo Histórico Provincial de Ourense, dependente da Consellería e
Cultura e Turismo, é un institución cultural de titularidade estatal e
xestión transferida. Nos cinco quilómetros lineais de andeis dos seus
depósitos custodia 221 fondos, dos que 153 son de orixe privada. O
Arquivo ten a súa sede no antigo palacio episcopal, onde presta servizo a
toda clase de usuarios, que acoden a el por motivos administrativos, de
investigación histórica ou culturais.