A portavoz
nacional, Ana Pontón, e a candidata por Lugo, Maite Ferreiro, mantiveron un
encontro cos responsables do porto e da lonxa de Celeiro que, xunto con veciño
porto de Burela, son un exemplo da capacidade do sector pesqueiro galego.
“Celeiro e Burela deixan claro que
Galiza é unha potencia pesqueira con talento, empuxe e innovación, capaz de
facer grandes cousas cando nos deixen”, salientou Pontón, e para que nós deixen,
-alegou-, é preciso ser decisivo na política do Estado con voz propia da man
dos deputados e deputadas do BNG tras o 28A.
“Van dar a cara polos intereses do
sector á hora de negociar orzamentos, investimentos, cotas de pesca fronte a un
PP e un PSOE que xa demostraron desde o Goberno como traizoan os intereses dun sector
estratéxico para este país”. A líder nacionalista avanzou que, nun Congreso sen
maiorías absolutas, o BNG vai defender para Galiza “o status de zona altamente
dependente da pesca ante a UE, porque iso permitirá obter máis fondos e máis
cota de pesca”.
Non foi o único compromiso. Os escanos
do Bloque tamén servirán para que Galiza teña unha boa posición á hora de
negociar o reparto de capturas na UE fronte a un Estado que non ve na pesca
unha prioridade ante Bruxelas, “para o Estado é un sector menor, para o BNG é
un sector estratéxico de país”, indicou. Ademais, defenderá que se flexibilice
a aplicación da normativa comunitaria dos descartes.
“Hai que facer unha xestión sostible
dos recursos, -o sector é o principal interesado-, pero iso non pode significar
que se destrúan postos de traballo por normativas que se deciden a centos de
quilómetros do noso país e sen ter en conta a nosa realidade”, salientou.
“O compromiso do BNG no Congreso é dar
voz ao sector pesqueiro e dar solucións aos problemas que ameazan o seu
desenvolvemento, apostando por unha frota que xere emprego de calidade porque o
apoio aos sectores produtivos é básico”.
Pola súa parte a candidata por Lugo,
Maite Ferreiro, puxo en valor o proxecto “innovador” desenvolvido en Celeiro
“que demostra o potencial do sector neste porto da Mariña que compaxina calidade
e respecto ambiental”.
“Pedimos que o Goberno central aposte por este tipo de
iniciativas”, demandou, tras indicar que os dous grandes portos pesqueiros da
Mariña xeran 5.500 empregos na comarca. Departamento de comunicación / BNG