O gasto total en TIC das empresas galegas durante o ano 2017 superou
os 364 millóns de euros, o que supuxo un aumento de máis de 162 millóns
de euros respecto ao ano anterior. O incremento rexístrase en todos os
segmentos, que investiron máis tanto na compra de bens TIC, como de
software ou na contratación de servizos e consultoría tecnolóxica.
Son
datos recollidos no informe “A Sociedade da Información nas Empresas de
Galicia”, correspondente ao ano 2018, publicado hoxe polo Observatorio
da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA),
adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O estudo analiza a integración das TIC no tecido empresarial galego,
conformado por un total de 200.801 empresas; 1.878 máis que o ano
anterior, das que o 96,2% son microempresas, con menos de 10
traballadores. Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede
baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do
Observatorio.
O 32,7% das empresas de 10 ou máis traballadores
con actividade en Galicia e o 15,3% das microempresas conta con
velocidades iguais ou superiores a 100 Mbps. No último ano, as
velocidades de conexión a Internet de 100 Mbps ou superiores aumentaron
un 57,7% entre as microempresas e un 11,6% nas empresas de maior tamaño.
Aumento da banda larga móbil
A
práctica totalidade das empresas galegas de 10 ou máis traballadores
ten contratado conexión a Internet. Entre as microempresas, a porcentaxe
sitúase no 68,3%, experimentando un crecemento do 9% no último ano.
Con
respecto á banda larga móbil, cabe destacar que catro de cada cinco
empresas de 10 ou máis traballadores acceden a Internet empregando banda
larga móbil e nas microempresas acada xa o 72,2%. A contratación da
banda larga entre as microempresas aumentou 3 puntos no último ano e
converxe coa media estatal.
Web, redes sociais e as vendas online
Neste último ano
incrementouse a dispoñibilidade de páxina web entre as microempresas
galegas, cun crecemento de 4,7 puntos porcentuais e sitúase no 30,9%.
Nas empresas de maior tamaño, a dispoñibilidade de páxina web mantense
en niveis semellantes ao ano anterior. Con respecto ás redes sociais,
cabe salientar que a porcentaxe de empresas de 10 ou máis traballadores
con actividade en Galicia que as emprega (52,7%) supera a media estatal
(51,8%).
Unha das principais utilidades de Internet, segundo as
propias empresas, é a de dirixir publicidade cara un colectivo concreto.
A publicidade dirixida na Rede aumentou entre as microempresas 3,7
puntos no último ano e sitúase no 11,5%, superando a media estatal. As
vendas a través de Internet aumentaron nas microempresas galegas en 2,2
puntos porcentuais e situándose a medio punto da media estatal. No caso
das empresas de 10 ou máis traballadores, as vendas a través de
Internet superan o 18%.
Big Data, impresión 3D e robots
Unha de cada dez empresas
galegas de 10 ou máis traballadores empregan Big Data. As fontes de
datos que se empregan para a análise con Big Data difire segundo o
tamaño da mesma: nas microempresas destacan os datos xerados por medios
sociais e nas empresas de 10 ou máis empregados con actividade en
Galicia sobresae o emprego de datos da propia empresa, captados con
sensores ou dispositivos intelixentes.
A transformación dixital
que experimentan as empresas tradúcese na medición de novos indicadores.
Así, por primeira vez, esta enquisa informa sobre a dispoñibilidade de
impresión 3D, que emerxe entre as empresas galegas de 10 ou máis
traballadores, (3,7%). No relativo ao uso de robots, obsérvase que é
unha ferramenta utilizada polo 13% das empresas de 10 ou máis
traballadores, valor por riba da media estatal (11%).
Xestións coas Administracións Públicas e Política de seguridade
A
interacción coas Administracións Públicas a través de Internet conta
cunha ampla implantación nas empresas galegas: o 93,3% no caso das
empresas de 10 ou máis empregadose tres de cada catro entre as
microempresas. A interacción coas Administracións Públicas a través de
Internet entre as microempresas aumentou 0,4 puntos porcentuais no
último ano, superando novamente a media estatal.
A seguridade é un
tema vital importancia a nivel empresarial. No ano 2018 o 85,3% das
empresas de 10 ou máis traballadores e o 41,6% das microempresas galegas
empregan sistemas de seguridade. Entre as microempresas este indicador
increméntase en 2 puntos porcentuais con respecto ao ano anterior.