O BNG elixiu a Casa Cornide, exemplo do espolio
franquista, para un acto simbólico de dobre intención: Reclamar o patrimonio
roubado ao pobo galego que, 40 anos despois segue en mans dos herdeiros do
ditador, e denunciar a existencia dun posfranquismo que impregna á Casa Real, á
xustiza e á política da man de partidos que traen involución democrática. Neste contexto, a portavoz nacional,
Ana Pontón, declarou que non chega con exhumar os restos do Val dos Caídos,
senón que é preciso ventilar este franquismo sen Franco.
“O BNG ten unha axenda clara da
defensa da recuperación da memoria histórica en Galiza que non pode empezar e acabar
na exhumación dos restos do Val dos Caídos, porque aquí temos un franquismo sen
Franco que queremos exhumar e para iso necesitamos que nos devolvan a Casa
Cornide, o Pazo de Meirás ou as estatuas de Isaac e Abraham”, salientou Pontón.
Como evidencia dese posfranquismo o
feito insólito de que a Xustiza actúe contra quen defende a devolución do patrimonio
espoliado, como o candidato pola Coruña, Nestor Rego, un dos 19 de Meirás. “O noso compañeiro está pendente dun xuízo
no que se xoga anos de cadea por defender a algo de elemental sentido
democrático que é a devolución do Pazo de Meirás, e a Xustiza en lugar de
sentar no banco dos acusados a quen nos roubou persegue ás demócratas que
reclamamos xustiza, reparación e verdade”, salientou.
E máis, a líder do Bloque denunciou
que a Casa Real preseouno ao Executivo de Sánchez para que non presentara unha
demanda civil de recuperación do Pazo: “Hoxe temos datos que nos permiten
denunciar con toda certeza que se o Goberno de Sánchez non puxo esa reclamación
é porque hai presións directas da Casa Real
para que non se leve a cabo a devolución do Pazo de Meirás”, indicou.
“Non nos sorprende ás conexións entre Monarquía e Franquismo pois todo empezou co
ditador nomeando como sucesor ao actual rei emérito”, alegou, como o BNG se
encargou de destacar despregando unha pancarta no balcón da Casa Cornide cunha
imaxe de Franco e Juan Carlos I. E no ámbito político o posfranquismo
está na involución que trae a dereita de Colón, que o Bloque está en condicións
de frear en Galiza quitándolle escanos en Coruña e Pontevedra.
Sumar votos
“Facemos un chamamento a sumar no BNG o
voto de todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón porque é a mellor
maneira de frear a esa dereita carca, machista e antigalega á que lle estamos
disputando escanos e somos a garantía de que non van pasar”, recalcou unha Ana
Pontón. “Imos rebentar as enquisas”, proclamou.
Nestor Rego
Pola súa parte, Nestor Rego, comprometeuse
no Congreso a reclamar os bens roubados porque, máis aló do gran valor
patrimonial, “estamos ante unha cuestión de dignidade e de resarcir unha débeda
con todas as vítimas do Franquismo”. Rego criticou “a covardía política” de
Pedro Sánchez “diante das presións dos poderes facticos e moi directamente de
Felipe de Borbón que fixo que no iniciase ese expediente de reclamación de
devolución”.
A axenda en defensa da memoria
histórica de Galiza tamén inclúe a ilegalización da Fundación Franco, -unha
anomalía democrática-, e cumprimento da Lei
de Memoria Histórica para a que reclama mais dotación económica. E
compromiso ineludible tamén de combater a involución con propostas como a
derrogación da Lei mordaza e a defensa dos dereitos e liberdades, “fronte as
forzas ultra reaccionarias”, concluíu Rego. Departamento de comunicación / BNG