O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe
nun mitin na Illa de Arousa, onde fixo alusión ás enquisas que publican
os xornais para advertir de que “non nos podemos relaxar” porque a
dereita “vaise mobilizar a tope” esta última semana de campaña.
“Por
un voto decidimos se Pedro Sánchez segue sendo presidente ou se Casado
acaba facendo vicepresidente do goberno a Abascal”, remarcou o líder dos
socialistas galegos, para incidir en que “non pode faltar nin un só
voto dos que queremos frear á dereita e á ultradereita”.
Ao
fío disto, Gonzalo Caballero recordou como en Andalucía “moitos”
confiaron nas enquisas e levaron “un susto que xa non tiña arranxo”
cando se abriron as urnas. “Despois non vale laiarnos”, advertiu,
facendo fincapé na idea de que “todos os votos son necesarios”.
Por
iso, o máximo dirixente do PSdeG chamou a unha “mobilización masiva”
que, “con argumentos e con sorrisos”, nos leve a “encher as urnas de
votos e de compromiso” para “dar un triunfo histórico” ao PSOE de Pedro
Sánchez fronte “á dereitona” e “non ter que arrepentirnos” o vindeiro
domingo.
"Retrocesp histórico" do PP
No
que atinxe aos resultados que prognostican as enquisas en Galicia,
Gonzalo Caballero destacou o “retroceso histórico” que sofre o PP
mentres “nós imos avanzar”. Iso si, advertiu igualmente de que “non nos
podemos confiar”. Así pois, concluíu que a vitoria do
PSOE nas xerais servirá como antesala para vencer nas municipais do
vindeiro mes de maio e para poñer fin ao ciclo político de Feijóo, a quen tildou de “escapista das súas responsabilidades”, cando sexan as autonómicas.
"A dereita non cre na igualdade"
O
primeiro en intervir foi o secretario xeral do PSOE na Illa, Manel
Vázquez, quen sinalou o traballo “eficaz e eficiente” dos socialistas
nas institucións nas que gobernan. Pola súa banda, o
secretario provincial do PSOE de Pontevedra, David Regades, puxo o foco
en que a dereita “non cre na igualdade”. “Non cre que todos somos
iguais”, remarcou, e lamentou que non rexeite os comportamentos
“machistas”.
Tamén nesa idea fixo fincapé a presidenta da Deputación, Carmela
Silva, e alertou de que o vindeiro 28 de abril xógase “o papel que
xogarán as mulleres” porque “algúns non cren en nós”. Ademais, sinalou
que tamén se decidirá se construímos “unha sociedade de cohesión, paz e
diálogo” ou “de confrontación”.
Finalmente, o alcalde,
Carlos Iglesias, reprobou “as formas indignas dos dirixentes da dereita e
da ultradereita” que conforman “un monstro de tres cabezas”. Fronte as
súas “descualificacións” está “o aire fresco” dun Pedro Sánchez que
representa “aos socialistas de sempre: os que estamos ao carón dos
traballadores, os do compromiso social e as liberdades”. Departamento de comunicación / PSdeG