A conselleira de Política Social,
Fabiola García, acompañada da directora xeral de Xuventude,
Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou esta mañá a
Campaña de Verán 2019, que baixo a lenda O verán que queres vivir pon á
disposición da mocidade 9834 prazas. A proposta de actividades para os
meses de xullo, agosto e setembro inclúe campamentos, programas de
intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas,
actividades para maiores de 18 anos e campos de voluntariado.
O Diario Oficial de Galicia
(DOG) publica hoxe, coincidindo coa presentación da campaña, a orde que
rexe a solicitude de praza para os campamentos en Galicia e noutras
comunidades. Neste caso o prazo ábrese mañá e ata o vindeiro 7 de maio,
incluído. Pola súa banda, a convocatoria para inscribirse nos campos de
voluntariado abrirase o vindeiro xoves, día 25, e pecharase o 10 de maio
en primeira convocatoria. Toda a información estará dispoñible na
páxina web de Xuventude.
Poderán participar as mozas e mozos a
partir dos 9 anos e ata os 30. Todos os campamentos están abertos a
persoas con discapacidade, e ademais este colectivo ten unha
convocatoria específica para persoas de entre 11 e 40 anos. Así mesmo,
hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o
sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillas e fillos de
mulleres vítimas de violencia de xénero.
Esta nova campaña de
verán incorpora tres campamentos: Aldea Perdida na Granxa Zoo de
Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de
San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas
instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.
Accións de voluntariado
Tamén
se incrementa o número de campos de voluntariado, os que se coñecían
ata este ano como campos de traballo, ata os 30 e con cinco propostas
novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de
protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un
terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense
denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo
de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da
prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.