Con 400
empregos na picota en ALCOA e 5.000 postos de traballo en risco no sector
industrial polos custes enerxéticos, a portavoz nacional, Ana Pontón, e o
candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, mantiveron un encontro con
delegados e delegadas da CIG da comarca coruñesa, especialmente afectada pola “invernía
industrial” de Galiza.
“A partir do 28 de abril vanse tomar
decisións que marcarán o futuro industrial da comarca da Coruña e de Galiza, e
temos claro que un BNG decisivo é clave para que haxa solucións para os
problemas que ten o desenvolvemento industrial do noso país e un BNG decisivo
fará posible que haxa unha solución para ALCOA”, salientou Pontón.
Solución que pasa, dixo, por conseguir
unha tarifa para as industria electrointensivas “que sexa estable e predicible
no tempo e competitiva”, para acabar co
disparate de ter miles de empregos en xogo polos custes enerxéticos nun país
que produce electricidade a esgalla. Unha riqueza da que tamén deben
beneficiarse familias e empresas que agora soportan un “espolio enerxético”.
“Mentres as eléctricas se fan de ouro,
400 traballadores e traballadoras teñen o corazón nun puño pendentes dunha conta
atrás na que se xogan o seu futuro e o dos seus fillos e fillas”, salientou
Pontón. Para o Bloque é clave poñer en marcha cambios “que lle dean futuro a
toda a capacidade produtiva do país”.
Tamén fixo fincapé en que os escanos
nacionalistas servirán para defender os dereitos laborais da clase
traballadora, despois de ver como nunha lexislatura sen maioría da dereita, “quedaron
intactas as contrarreformas laborais que están condenando á precarizando, salarios
de miseria e coberturas sociais insuficientes a moita xente deste país”.
Neste sentido, o candidato Nestor Rego
salientou a importancia de ter peso político no Estado tamén para defender os
dereitos da clase traballadora galega. “É fundamental que haxa unha voz propia
en Madrid que leve ao Congreso a voz da maioría social do país, que use a súa
forza para, nun escenario onde cada voto será decisivo, se derroguen as contrarreformas laborais de PP
e PSOE, se derrogue a reforma das pensións para recuperar a idade de
xubilización ordinaria aos 65 anos e a parcial aos 61 anos ou para que que se
suprima a Lei mordaza”, explicou.
Igualmente, Rego pediu o voto par ao
Bloque “para seguir avanzando en dereitos, por exemplo na redución de xornada
laboral a 35 horas sen perda de salario, ou na subida do SMI e das pensións até
o 60% do salario medio, que se situaría arredor de 1.150 euros”, citou a modo de
exemplos porque, alegou, “non só hai que recuperar os dereitos perdidos senón
que hai que seguir avanzando”.
Igualmente, comprometeu políticas
activas de emprego que acaben coa sangría migratoria. “Para todo iso Galiza ten
que recuperar voz propia o 28A”, concluíu. Tras o encontro cos delegados e
delegadas sindicais, Pontón e Rego mantiveron un encontro con representantes do
cadro de persoal e Isowat, onde están en risco 80 postos de traballo. Departamento de comunicación / BNG