A portavoz
nacional, Ana Pontón, tivo oportunidade de rememorar a súa etapa como estudante
vinte anos atrás nun encontro con xente
nova nun piso de estudantes en Santiago de Compostela, onde compartiu café e
conversa sobre as cuestións que lle preocupan a xuventude do país:
precariedade, desemprego ou emigración, bolsas escasas que tardan en cobrarse,
a violencia machista entre outros.
Un encontro que Pontón aproveitou para
facer un chamamento á participación da xente moza o 28A e a facelo ignorando
aos que propagan o discurso do medo. “Animar a todos os mozos e mozas
galegas a que participen nas eleccións desde a rebeldía e favor de ter futuro
neste país, con rebeldía, que non se deixen levar por esa cantinela do voto
útil que o único que pretende é que nos conformemos co mal menor e, sobre todo,
que non se deixen levar pola política da crispación e do medo, única proposta
que ten a dereita nestas eleccións”, salientou.
“Estou segura que a mocidade vai ser a
clave para que o 28A Galiza conte no Estado e iso se traduza en máis oportunidades
para a xente moza, que signifique un revulsivo para este país e que sexamos capaces
de devolverlle unha voz a Galiza nun momento excepcional”, recalcou.
No café cos mozos e mozas, -“vexo que
vinte anos despois sigue habendo pisos sen calefacción como na miña época”-, apelou á mocidade galega que quere facerse
escoitar no Congreso a partir do próximo domingo. “Sei que vai haber un voto
rebelde e que hai moita xente nova que o 28 de abril quere ir votar con ilusión,
con convicción neste país, porque temos moito que gañar se confiamos nas nosas
propias posibilidades”, recalcou.
A líder nacionalista animou á mocidade
a ser motor “dos cambios necesarios para que non limiten o voso futuro á
precariedade ou a marchar como única opción laboral, cambios para mellorar o
sistema educativo con máis bolsas de estudo e maior dotación, que pondere máis
o nivel de renda das familias á hora de concedelas e non tanto o expediente,
porque se trata de facilitar o acceso ao ensino superior con independencia da familia,
labrega ou empresaria. E, igualmente, que esas bolsas se xestionen desde Galiza
para que cheguen antes ás persoas beneficiadas”, explicou.
A mobilidade foi outra das cuestións
abordadas, reclamando un transporte por tren de proximidade con horarios e
prezos razoables, “non esas tarifas desorbitadas por exemplo no traxecto entre
Ourense e Santiago”. Asuntos dos que non falaron as forza estatais “que agora veñen
en campaña a pedir o voto”, lembrou. Contra ese agravio pediu dar unha resposta
clara nas urnas o 28A.
No encontro tamén participou a
candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, e o candidato ao Congreso
pola Coruña, Nestor Rego, quen se mostrou convencido de que a mocidade “parará
a esa dereita carca e antigalega que representa Vox e Cs aos que o BNG disputa
escanos en Coruña e Pontevedra”, salientou.
“Temos unha mocidade sensible ao que
está pasando no país, que quere derrogar a LOMCE, defende unha universidade
publica de calidade, que quere que traballemos para darlle unha oportunidade de
futuro, que está preocupada pola situación política, pola involución democrática, pola perda de
dereitos e liberdades e todo iso vaise expresar nas urnas o 28 A”, concluíu.