Primeira
reunión da Executiva Nacional para repasar o escenario político que confirma un
cambio de ciclo electoral, do que sae un BNG en remontada e completamente
mobilizado para afrontar nas mellores condicións as eleccións municipais e
europeas do 26M.
“Do 28A sae un BNG máis forte e con
máis empuxe para afrontar os retos electorais inmediatos que encaramos coa
organización mobilizada e con optimismo ao comprobar que os galegos e as
galegas volven ven no Bloque a forza capaz de abrir un tempo novo e construír
unha Galiza mellor desde os concellos, desde un proxecto sólido, unido e coa
man tendida a todas as persoas que pensan que Galiza debe ter forzas políticas
propias”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.
Destacou que se confirma “o cambio de
ciclo electoral”, que arrancou nas eleccións galegas e que coloca ao BNG en
disposición “de ser decisivo” para abrir ese tempo novo que rematará cun cambio
na Xunta. “Empezou a conta atrás para o PP e empezou a conta atrás para que Feixóo
deixe de ser presidente da Xunta e toca abrir un novo tempo político no que o
BNG vai ser decisivo”, indicou.
A derrota sen paliativos do PP amosa “un
Titanic que se funde” e, preguntada pola posible celebración anticipada das
eleccións galegas, respondeu que o Feixóo “carece de proxecto para este país e
se quere que o mandemos á oposición, canto antes convoque mellor.
Pontón destacou que pese a duplicar
voto, non se conseguiu o obxectivo de ter escano no Congreso e darlle a Galiza
voz propia “como teñen outras nacións do Estado” que van ter un papel clave. Por
iso, avanzou que o Bloque vai impulsar desde o Parlamento o debate territorial e
sobre o papel político e institucional que o noso país debe xogar no conxunto
do Estado “para evitar que Galiza se quede atrás mentres outros territorios
avanzan”.
Un traballo que tamén intensificará
para evitar o agravio da pasada lexislatura
“O noso compromiso é redobrar esforzos
desde o Parlamento para evitar que este país volva ser discriminado polas
forzas estatais. Traballaremos para que non se repita o desta lexislatura”,
explicou, poñendo como exemplos a busca dunha solución para ALCOA, modernización
das infraestruturas, investimentos e financiamento xustos, futuro digno xente
moza emigrada, entre outros “seguen a ser prioridades que están pendentes e
polas que seguiremos dando a batalla”.
O Bloque convoca para este sábado o
Consello Nacional, máximo órgano de decisión entre asembleas, co fin de
arrancar a campaña do 26M. “Saimos a por todas, queremos que esta remontada,
que esta corrente de simpatía se estenda por todos os concellos para que sexan
o motor do tempo novo que imos abrir en Galiza da man do BNG e para seguir
tendo voz nas institucións europeas”, indicou.
Finalmente, Pontón volveu agradecer aos 93.810 galegos e galegas que
este 28A confiaron no BNG: “Dicirlles que o seu é un voto de esperanza e que
imos estar aí para defender os seus intereses”, concluíu. Departamento de comunicación / BNG