El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | BANDEIRAS AZUIS

Máis de 160 areais, Portos e Sendeiros lucirán o distintivo de Bandeira Azul este verán

07-05-2019 12:56:26

A Xunta de Galicia recoñece o labor dos concellos galegos para manter a nosa Comunidade como a autonomía española nunha das primeiras posicións co maior número de bandeiras azuis en 2019. Galicia mantén a súa posición na clasificación nacional de bandeiras azuis recibidas para os areais galegos, con 107; que se eleva a 169 distincións para praias, portos deportivos, sendeiros e aulas e centros da natureza.

Galicia mantén a súa segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, despois de Valencia con 135 distincións. Deste xeito, a comunidade galega acapara case un 20% das 566 bandeiras azuis totais outorgadas en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) aos areais, e vai seguida no ranking nacional pola Comunidade catalana (97 bandeiras),e pola andaluza (79).

Nesta nova edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego -e do conxunto do Estado- con máis bandeiras azuis, con 14 praias distinguidas. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que suma 10 en 2019; Cangas do Morrazo (7), Marín e Baiona, con 5 cada concello.

Na provincia da Coruña, os municipios de Arteixo e Boiro son os que máis recoñecementos deste tipo obteñen este ano, con sete -ao igual que en 2018-; seguido de Oleiros e A Coruña, con cinco areais distinguidos. Polo que respecta á provincia de Lugo, Foz é un ano máis o concello máis recoñecido, con cinco galardóns para as praias de Areoura, Peizás, Llás, As Polas e A Rapadoira; mentres que perde o distintivo para a praia da Pampillosa.

Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.

Cómpre destacar a primeira posición que ocupa Galicia en canto aos distintivos de  sendeiros azuis, xa que suma 29 itinerarios que enlazan praias ou portos con bandeira azul e contribúen ao uso sostible do litoral. Por primeira vez, o sendeiro Praia de Abrela- Punta Socastro (Fuciño do Porco) e o tramo Ruta Monte e Praias da Rede de sendeiros azuis de Marín lucirán este distintivo.


Portos deportivos, centros e sendeiros azuis

En relación aos portos deportivos, en 2018 Galicia obtén 12 galardóns, sendo a provincia de Pontevedra a primeira en encabezar a lista con seis portos, seguida por A Coruña con cinco e un na provincia de Lugo.

É de destacar que Galicia tamén recibe a distinción para 15 centros azuis. O requisito para converterse en centro azul para un concello con bandeira azul ás súas praias ou portos, é a existencia dun centro de visitantes, aula do mar ou de natureza que ofreza educación ambiental sobre os ecosistemas litorais e o desenvolvemento sostible, así como información específica e/ou actividades relacionadas co programa Bandeira Azul.

O municipio que queira optar a esta distinción debe presentar un dossier xustificativo da súa proposta, así como, ao ano seguinte, a memoria anual da actividade, xunto coa súa candidatura, que xustifique o mantemento da súa condición como centro azul en anos sucesivos. Por estes motivos, a Xunta de Galicia felicita aos concellos de Bueu, Sanxenxo, Illa de Arousa, Redondela, Marín, Oleiros, Boiro, A Laracha, Camariñas, Burela e Cervo, por ser quen de manter estes recoñecementos.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias